lunes, 30 de mayo de 2022

Extracción de terra vexetal en Darbo


Dende fai unha década obsérvase nos noiros dalgunhas pistas que conectan os predios da Comunidade de montes de Darbo a extracción de terra vexetal por parte de particulares. O que comezou como un caso illado está xeneralizándose e en certas zonas o problema comeza a ser preocupante.

Que problemas causa a extracción de terra vexetal?

Sen terra, as especies de flora quedan sen o substrato esencial para desenvolver o seu ciclo vital. Moitas das árbores próximas aos noiros das pistas forestais afectadas quedan coas raíces ao ar causando risco de derrubamento, producindo unha vía de entrada de enfermidades (por exemplo o fungo do chancro do castiñeiro) e aumentando o risco de morte por falta de nutrientes ou auga. 

Outros problemas asociados son:
A existencia dun impacto paisaxístico negativo. 
O arrastre de terra, ladeira abaixo, coas choivas. 
O risco de caídas a distinto nivel dos sendeiristas.


A extracción de terra é ilegal, pois o aproveitamento de calquera recurso do monte ten que ter a autorización do seu titular (segundo establece o artigo 84. 1 da lei 7/2012, de Montes de Galicia) e debe estar establecido nun instrumento de xestión aprobado pola Administración forestal. 

Esta actividade está asociada ó tránsito e circulación con vehículos de motor por pistas forestais, o que tamén está prohibido segundo o artigo 98 da lei 7/2012, de Montes de Galicia. 

Calquera observación de extracción de terra será posto en coñecemento das autoridades administrativas e xudiciais pertinentes, podendo derivar na imposición das sancións que procedan de conformidade coa lexislación vixente. 

Pedímosvos a todas as persoas colaboración para rematar con esta agresión ós nosos montes. Moitas grazas!