Patrimonio

PATRIMONIO NATURAL


Souto de Pedra Cabalgada en outono. Ano 2008.
Introdución 

O Morrazo e especialmente Cangas é unha área cunha forte presión humana que se caracteriza como gran parte do país pola dispersión poboacional. Isto, impide a existencia de áreas naturais cunha boa extensión susceptibles de conteren os parámetros necesarios tecnicamente para seren protexidos.

Dende un punto de vista ecolóxico, poderiamos considerar á península do Morrazo como unha illa. É dicir, un territorio que non ten continuidade co seu entorno natural máis próximo. Isto é debido á instalación de infraestruturas (como son, por exemplo, o Corredor do Morrazo ou, a cada vez máis común, presenza de edificacións) que impiden o intercambio de especies entre os diferentes ecosistemas. E tamén ao deterioro e degradación progresiva das áreas naturais, o que dificulta a existencia de paraxes naturais de importantes dimensións. Isto fai que se incremente aínda máis a importancia de moitas das áreas forestais existentes dentro da península do Morrazo. Tal é o caso dos montes de Darbo. Este territorio actúa como corredor ecolóxico, permitindo a circulación e, polo tanto, o intercambio de especies, entre os montes de O Hío (espazo da Rede Natura 2000 “Costa da Vela”) e os de Coiro.

Bosquete xoven de Carballo (Quercus robur) no Castelo. Ano 2014.
Numerosos individuos (liques, fentos, plantas superiores, réptiles, aves, mamíferos de pequeno e mediano tamaño ...) ven incrementada a súa área de campeo grazas a estes montes. Deste xeito, favorécese o intercambio entre individuos e mitígase, polo tanto, a perda de variabilidade xenética, unha das principais causas da desaparición de especies. Unha especie, pode verse limitada pola ausencia de interaccións con outras, a existencia de corredores que comuniquen os distintos hábitats fai que poidan habitar un maior número de especies, xa que unha superficie de maior tamaño permite a existencia de máis exemplares.


FLORA

Desde o punto de vista estritamente botánico, os montes de Darbo están poboadas fundamentalmente por mato, repoboacións forestais e bosques artificiais que teñen a súa orixe nestas repoboacións. Tamén existen pequenos bosquetes naturais cun alto valor biolóxico, ecolóxico, social, cultural e en definitiva patrimonial, únicos no Concello e que poden desenvolver un papel moi importante na rexeneración dos ecosistemas e hábitats da comarca do Morrazo.

Follas de frondosas no chan, monte de Darbo.
O mato domina en moitos dos montes que forman a serra, sobre todo naqueles nas que as abas teñen unha forte pendente. Está constituído fundamentalmente por toxeiras e uceiras, formacións vexetais de importancia capital tanto biolóxica como social e cultural. En contra do que se pensa debido á súa omnipresencia no noso país e sobre todo nas áreas costeiras, estas formacións son moi escasas e restrinxidas a nivel europeo. De feito, están protexidas na Directiva 92/43/CEE da Unión Europea figurando como “hábitats de interese comunitario”. Isto quere dicir que a U.E. considéraos, despois de valorar todos os hábitats presentes no territorio comunitario, como un hábitat ameazado e que debe estar protexido mediante a creación de espazos naturais que conteñan estas comunidades. Un bo exemplo, que motivou a declaración da “Costa da Vela” como integrante da Rede Natura 2000 foron as súas toxeiras-uceiras e non a súa espectacular paisaxe (como adoita pensarse). Ó seu importantísimo valor biolóxico e como patrimonio natural engádeselle a función ecolóxica, xa que estas matogueiras son as responsables de substituir o bosque natural cando este é degradado, e de facilitar a súa recuperación enriquecendo o chan, creando solo e substrato e favorecendo paseniñamente a colonización do bosque. Temos que engadirlle ademais a importancia social xa que o toxo foi utilizado dende antigo como estrume e abono de calidade moi alta e mesmo chegou a ser sementado, constituíndo polo tanto un elemento de moito valor na vida dos nosos antergos. Pero tamén ten unha importantísima función cultural. De feito son moitos os cantares, refráns, coplas, nomes, etc., presentes na cultura popular mesmo chegando a constituír o toxo como unha especie de planta (símbolo) senlleira do país (xunto co carballo, a gaita, etc.). Ata a súa flor ten varios nomes (Xorima, Alecrín, etc.). 

Xorimas de toxo (Ulex europaeus) en Santa Marta.
Os bosquetes naturais que aínda quedan nas zonas máis refuxiadas da serra tamén teñen un excepcional valor como patrimonio natural e cultural. Son carballeiras moi especiais debido a súa situación bioxeográfica, é dicir, na zona máis termófila e mariña do país (ó estar no sur de Galicia e nunha península mariña). É por iso que se mesturan, nestes bosques de carácter europeo por excelencia, especies mediterráneas e as propias europeas contendo unha diversidade moito maior da que xa por si teñen normalmente as carballeiras. Podemos dicir, polo tanto, que son uns bosques únicos resultado dunhas características climáticas singulares e case exclusivas do Morrazo. Como mostra desta alta diversidade dicir que estas carballeiras son das pouquísimas que conteñen érbedo (Arbutus unedo), árbore mediterránea por excelencia da que no Morrazo só se coñecen poucos exemplares en Cangas e Bueu. Pero, ó mesmo tempo tamén está presente nestes mesmos bosques unha das xoias botánicas do Morrazo representando desta volta á flora europea. É o acibo (Ilex aquifolium), especie senlleira e que no Morrazo só ten dúas poboacións, unha en Marín e outra nesta serra en Cangas. Estamos a falar de dúas especies que nin tan sequera aparecen nas carballeiras con máis sona e máis extensas do Morrazo como Coiro-Ermelo (Cangas-Bueu-Moaña), Cela (Bueu) e A Fraga (Moaña). 

Detalle das follas do Érbedo (Arbutus unedo).
Tamén os fentos son importantes nestes bosques húmidos, de feito aparecen ata vinte especies distintas algunhas das cales como a cabriña (Davallia canariensis), son especies que quedan como restos da flora subtropical que houbo en Galicia. Ten unha distribución vencellada ás zonas costeiras de clima moi suave sendo polo tanto unha especie escasa e incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. 

Centaurea sphaerocephala en terreos da CMVMC de Darbo en Balea. 
Aparecen nestas carballeiras unha morea máis de especies moi interesantes, algunhas delas protexidas e endémicas cuxas descricións polo miúdo farían excesivamente longo este resumo dos valores botánicos pero que cumpriría facelo para amosar a riqueza patrimonial e singularidade no contexto europeo, galego e mesmo morracense que teñen os restos destes bosques cangueses e que sendo parte da nosa identidade estamos a piques de perder. Como apoio a todo o exposto, cómpre subliñar que estes bosques están incluídos tamén na Directiva 92/43/CEE, e polo tanto protexidos atendendo a súa escaseza, singularidade e grao de ameaza. Figuran nesta directiva coa denominación de “Bosques galaico-portugueses con carballo (Quercus robur) e cerquiño (Quercus pyrenaica)”.

Paporrubio (Erithacus rubecula).

VERTEBRADOS

Anfibios e réptiles 

Tódolos herpetos que viven nos montes de Darbo están protexidos pola lexislación estatal e polos convenios internacionais. Na zona atopamos herpetos típicos do bosque caducifolio galego, son especies boreais e endémicas, como a píntega (Salamandra salamandra), a saramaganta (Chioglossa lusitanica) endemismo noroccidental ibérico, e a ra patilonga (Rana iberica) endemismo ibérico, estes dous últimos taxons catalogados como vulnerables no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (C.G.E.A.). Estas especies son características dos medios umbríos co solo cuberto de follasca. 

Exemplar de ra patilonga (Rana iberica) no rego Pontillón, Pedra Cabalgada.
Nas formacións de matogueiras, que proveñen da destrución das carballeiras, ou de forma natural onde non foi posible o desenrolo do bosque, viven herpetos de orixe boreal e endémicos como o escáncer (Anguis fragilis), o sapo (Bufo bufo) e o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). Nos rochedos e pedregais atopamos réptiles termófilos, o lagarto arnal (Lacerta lepida), a lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica) e a cobra lagarteira meridional (Coronella girondica). En relación a singularidade e rareza, indicar a presenza dun endemismo noroccidental ibérico, case que exclusivo o territorio galego, a lagartixa galega (Podarcis bocagei) e tres endemismos ibéricos, o pintafontes común (Triturus boscai), o sapiño pintoxo (Discoglossus galganoi) e o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). As especies de herpetos contabilizados nos montes de Darbo, ascenden a 6 anfibios e 11 réptiles. 

Aves 

En primeiro lugar, lembrar que tódalas especies de aves que viven no noso Monte están protexidas pola lexislación. Por suposto non imos enumerar a totalidade e variedade de aves pero si indicaremos as especies máis características que temos o privilexio de acubillar nos terreos en Común. Exemplos coma a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus), a lavandeira real (Motacilla cinerea), a azulenta común (Prunella modularis), o paporrubio (Erithacus rubecula), o tordo común (Turdus philomelos), o picafollas común (Phylloscopus collybita), o picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus) endemismo da península Ibérica, SO de Francia e NO de África, a estreliña riscada (Regulus ignicapilla), o ferreiriño negro (Parus ater) e o cardeal (Pyrrhula pyrrhula). Dúas especies características das masas forestais, atópanse extintas destes montes, o miñato abelleiro (Pernis apivorus) e o gabeador azul (Sitta europaea) especies que necesitan bosques caducifolios, preferentemente de carballos. Debemos salientar que están citadas aproximadamente 150 especies na parroquia de Darbo, incluindo especies de observación excepcional. O máis axeitado é falar da riqueza específica nos montes de Darbo, que  ascende a 70 especies de aves, das cales 25 observáronse algunha vez aniñando.

Macho de lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi).
Mamíferos 

No tocante os mamíferos destacar a singularidade de tres especies de alto valor como o furaño (Sorex granarius) e a toupeira (Talpa occidentalis) endemismos ibéricos, e a trilladeira (Microtus lusitanicus) endemismo do cuadrante noroccidental ibérico e extremo suroccidental de Francia. A riqueza específica nos montes de Darbo ascende a 26 especies de mamíferos. Mención especial precisan os morcegos presentes no noso Monte, podemos atopar até dez das catorce especies nomeadas polo de agora na península do Morrazo, estes son: morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), morcego mediterráneo de ferradura (Rhinolophus euryale), morcego de Natterer (Myotis nattereri), morcego orelludo dourado (Plecotus auritus), morcego orelludo cincento (Plecotus austriacus), morcego da fraga (Barbastella barbastellus), morcego común (Pipistrellus sp.), morcego de horta (Eptesicus serotinus) e por último o nóctulo menor (Nyctalus leisleri). 

Furaño (Sorex granarius).
Dentro dá orde dos morcegos, son os morcegos de ferradura os que maior retroceso están a sufrir a nivel europeo, debido a súa vulnerabilidade. É por iso que é moi importante a protección das áreas de alimentación é refuxio alí onde aínda se conservan poboacións, como é o caso da zona que tratamos. Esta regresión está a acontecer na maior parte dos morcegos, por iso, están estritamente protexidos na lexislación. 

No espazo dos montes de Darbo atopamos especies que contan con moi poucas localidades a nivel galego, este é o caso do morcego da fraga, o nóctulo pequeno e o morcego de ferradura mediterráneo. Ó seren especies de hábitos nocturnos precisan de refuxios onde pasar a meirande parte do día sen ser molestados e onde protexerse das condicións meteorolóxicas adversas dependendo da existencia de buratos nas árbores, casas abandonadas, minas de auga e covas artificiais. Os morcegos son animais que están a sufrir unha perda importantísima de espazo vital. A maior ameaza e o descoñecemento da súa bioloxía, o que fai que aínda os miremos con desconfianza, sendo o progreso e a industrialización os seus principais inimigos. No Morrazo están pasando por un duro momento no que a desaparición dos bosques autóctonos e o urbanismo incontrolado provoca a perda de hábitats e refuxios naturais, as novas construcións son totalmente herméticas sendo o urbanismo unha forte perda de refuxios.

PATRIMONIO CULTURAL


Monte Liboreiro.
Introdución

Grazas á labor de investigación desenvolvida por diferentes persoas e colectivos do Morrazo, temos constancia da existencia de varios xacementos arqueolóxicos que delatan a presenza de diversas culturas na zona. Neste senso, os montes do Castelo, a Madalena e o Liboreiro, constitúen un punto de referencia por ter sido o asentamento escollido (grazas á súa estratéxica localización dentro do contexto da península do Morrazo) por diferentes civilizacións para a instalación das súas construcións. 

Xustificación 

A importancia que ao longo da historia tiveron os montes do Castelo, a Madalena e o Liboreiro ponse de manifesto na presenza de numerosos restos e xacementos que citaremos a continuación.

Localización do monte Castelo
Monte Castelo: Ao redor dos séculos IX-VIII a de C., iníciase unha paulatina sedentarización que dá orixe aos poboados estables nos outeiros de certos montes que terán recintos defensivos. No interior destes recintos poñerán as súas cabanas, feitas con elementos vexetais e barro que logo irán substituíndo por muros de manpostería. É a denominada Cultura Castrexa. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.044 
  • Tipo de restos: Castro e cerámica galaico romana. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 516.720 Y = 4.680.110 

Localízase enriba de Cimadevila, nunha cota de 244 m., na ladeira norte do Pico Castelo. A zona habitable atópase entre dous outeiros cun desenvolvemento de terrazas en tres niveis, presentando no seu lado norte dúas construcións defensivas. Documéntanse desde hai tempo achádegos de cerámicas castrexas e algúns muros foron postos ao descuberto por unha pista que atravesa a terraza inferior. Esta pista ademais cortou unha das construcións defensivas, que ten unhas dimensións de 4 m de ancho por 3 m de alto, e está formada por dous muros de manpostería separados por unha zona rechea de terra. Na zona máis elevada do monte, construíuse na Idade Media unha torre ou castelo que foi derruído con posterioridade nas guerras irmandiñas.

Mesa de Montes, Madalena. Ano 2014.
Madalena: A mediados do 3.000 a de C., e coincidindo coa fase final do Megalitismo, comeza a desenvolverse a primeira metalurxia, mediante o aproveitamento do cobre. Esta etapa é denominada Calcolítico. O desenvolvemento desta nova metalurxia supón que se vaian substituíndo os útiles líticos por unha nova utillaxe metálica. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.045 (Mesa de Montes).
  • Tipo de restos: Restos cerámicos. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 517.360 Y = 4.681.640 
Atopáronse fragmentos cerámicos do tipo Penha (tipo de cerámica marcadamente decorada a base de liñas que conforman motivos xeométricos).

Localización de Mesa de Montes e Liboreiro.
Liboreiro: A poboación indíxena continúa a habitar os seus castros, amosando algúns deles un grande apoxeo, levando a mesturar o seu xeito de vida cos rasgos culturais romanos, e dando lugar o nacemento da Cultura Galaico-romana. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.040 (Castro do Liboreiro).
  • Tipo de restos: Castro e restos cerámicos de orixe medieval. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 517.540 Y = 4.683.150 
Restos do castro de Liboreiro. Ano 2014.
Ademais de atoparse cerámicas comúns romanas, sigillatas e outros obxectos da cultura romana como moedas, e fíbulas, apareceron na escavación de 1.928 tres aras: unha sen epígrafe, outra ilexible (polo seu estado de conservación) e unha terceira adicada ao deus Verore ou Aerno (segundo os autores que se consulte). 


Autores: Alberto Pastoriza Barreiro, David Álvarez Graña, Simón Rial Pousa e Alba Dasairas.
Fotografías: Alberto Pastoriza Barreiro.
Data de publicación: 01 de novembro de 2007.
Versión: 25 de abril de 2023.

No hay comentarios:

Publicar un comentario