jueves, 27 de junio de 2019

Traballos de roza no Monte Comunal

Neste mes de xuño procedemos a realizar traballos de roza de herba e matogueira. A meirande parte do monte no que se actuou foi mediante unha rozadura por trituración con tractor. En menor medida, nas zonas de terreo inclinado ou pedregoso a roza foi manual.
Sendeiro entre Xestoso e Laxe da Chan.
Coma anos anteriores os traballos centráronse en camiños e sendeiros, zonas de lecer e lindes con vivendas. Realizouse de forma selectiva, respectando pés a conservar das especies frondosas autóctonas. O Arboreto da Raposa en Varalonga, Laxe da Chan, San Roque, Ourelo e Monte Carrasco son algunhas das zonas onde se realizaron as actividades.

Monte Carrasco.
As operacións silvícolas son importantes ferramentas para evitar a propagación de lumes forestais, a roza de matogueira permite establecer unha discontinuidade na vexetación que dificulta a evolución dos lumes. Tamén os medios de extinción utilizan estas faixas para loitar contra as lapas.

Sendeiro en San Roque.
As rozas de vexetación teñen un impacto positivo e negativo sobre o medio natural; Positivo porque  ao eliminar a vexetación arbustiva aparecen novos espazos ocupados por herbas e outras prantas anuais de alto valor biolóxico e os animais asociados. O impacto negativo ten lugar cando a intensidade da roza e tan alta que afecta ao chan (erosión), ou a época de realización dos traballos non é a adecuada, por exemplo, coincidindo coa nidificación das aves (destrución dos niños). Por estes motivos é importante non realizar rozas a feito nin en superficies amplas e planificar as actuacións en épocas adecuadas.

miércoles, 19 de junio de 2019

Retirada de refugallos de Outeiro Balea

O pasado sábado 15 de xuño procedemos á limpeza do lixo acumulado na zona de Outeiro Balea. Tralo lume que afectou á zona o pasado 26 de maio quedaron á vista numerosos restos de refugallos que ao longo dos anos persoas incívicas verteron neste espazo de alto valor paisaxístico.

Dende o Outeiro de Balea podemos observar gran parte da ría de Vigo, as illas Cíes e toda a fachada da costa sur da Ría (Vigo, Nigrán e Baiona). Unha vista que non merece estar contaminada polo lixo de xente que non valora o patrimonio dos veciñ@s da parroquia de Darbo.

Nesta xornada de traballo retiramos do medio varias tixolas, cazos, pratos, cafeteira e unha bicicleta. Botellas de vidro, latas... Ata un inodoro apareceu no monte.

Posteriormente ao traballo de recollida os restos foron trasladados ao Punto Limpo.

lunes, 17 de junio de 2019

Corta de eucaliptos na costa de As Barreiras - Santa Marta


Procedemos á tala dos eucaliptos nunha das parcelas propiedade da Comunidade de Montes de Darbo en As Barreiras - Santa Marta. A zona de actuación estará integrada no futuro Espazo Natural de Interese Local de “Punta Balea – As Barreiras” que está pendente de aprobación en comisión do goberno do concello de Cangas.

Dende a Comunidade de Montes de Darbo traballamos por preservar, manter e mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo seu futuro. Por este motivo a presenza de eucaliptos neste espazo de alto valor ambiental era incompatible coa súa conservación. Tralo apeo das árbores procederase ao seu tratamento con herbicida localizado sobre a zona de corte para evitar o rebrote.


jueves, 13 de junio de 2019

Lume no Outeiro de Balea e actividade de limpeza por parte da Xunta Reitora


Volvemos ser vítimas doutro lume na zona de Outeiro de Balea (Darbo, Cangas), zona con recurrentes episodios de lumes provocados pola man do home. A zona estaba dominada por toxeiras, formacións vexetais de importancia capital. En contra do que se pensa debido á súa omnipresencia no noso país e sobre todo nas áreas costeiras, estas formacións son moi escasas e restrinxidas a nivel europeo. De feito, están protexidas na Directiva 92/43/CEE da Unión Europea figurando como “hábitats de interese comunitario”. Isto quere dicir que a administración europea considéraos, despois de valorar todos os hábitats presentes no territorio comunitario, como un hábitat ameazado e que debe estar protexido mediante a creación de espazos naturais que conteñan estas comunidades. Un bo exemplo, que motivou a declaración da “Costa da Vela” como integrante da Rede Natura 2000 foron as súas toxeiras-uceiras e non a súa espectacular paisaxe (como adoita pensarse). Ó seu importantísimo valor biolóxico e como patrimonio natural engádeselle a función ecolóxica, xa que estas matogueiras son as responsables de substituir o bosque natural cando este é degradado, e de facilitar a súa recuperación enriquecendo o chan, creando solo e substrato e favorecendo paseniñamente a colonización do bosque. A recurrencia dos lumes provoca o empobrecemento do chan ou a súa total perda, co lume tamén perdemos a nosa paixase, o noso patrimonio natural.

Por favor, neste verán se observades lume, chamar aos teléfonos de emerxencia seguintes:
  • Axencia Galega de Emerxencias. Teléfono: 112
  • Incendios forestais. Teléfono: 085
Costa de Balea dende punta Corveiro. Ano 2015.

Os membros da Xunta Reitora visitaremos a zona queimada o próximo sábado 15 de xuño, pola mañá sobre as 11.30 horas para proceder á limpeza dos refugallos que o lume deixou á vista.