sábado, 30 de mayo de 2015

Actuacións de silvicultura na zona de Pedra Cabalgada

A Pedra Cabalgada despois das actuacións de silvicultura. Maio 2015.
Nas pasadas semanas realizáronse actuacións de silvicultura na zona de Pedra Cabalgada, consistentes na poda de castiñeiros e carballos. A poda consiste nun proceso de corta de ramas dunha árbore ou arbusto (realizado coidadosamente por persoal cualificado) para diferentes obxectivos (sanidade forestal, formación para obtención de froito, formación para obtención de madeira de calidade, prevención de incendios forestais, etc.). 

Castiñeiro podado e saneado correctamente. Maio 2015.
A mellor época para realizar as actuacións de poda é ao comezo da actividade vexetativa da árbore, a principios da primavera, así obteremos cicatrizacións das feridas máis rápidas. 

A poda no castiñeiro debe efectuarse cada 2 – 4 anos, alcanzando unha altura da zona podada de polo menos 6 metros, dependendo do aproveitamento (ou non) da masa arbórea. É importante realizar os cortes de forma correcta, un corte limpo e próximo ao fuste principal (respectando o coxinete de inserción da rama a eliminar, ver imaxe adxunta), sen deixar toros que posteriormente podrecen ou dificultan a cicatrización da ferida. A ferramenta debe estar ben afiada e debe desinfectarse con lixivia ao 10-20% cada vez que se cambie de exemplar a podar para evitar a transmisión do cancro do castiñeiro (Cryphonectria parasitica). A utilización de masilla especial para selar as feridas é esencial para manter a sanidade do castiñeiro, pois calquera ferida, por pequena que sexa, é unha porta aberta para que as esporas de Cryphonectria entre a través da codia.

Execución correcta de poda.
Os restos resultantes das podas deben xestionarse segundo procedan de árbores sans (amoreamento nun punto concreto do terreo ou trituración) ou infectados por enfermidades (queima de tódolos restos).

Amoreamento dos restos de poda na Pedra Cabalgada. Maio 2015.

lunes, 18 de mayo de 2015

Contas do Convenio entre a CMVMC de Darbo e a Consellería do Medio Rural

Nesta nova entrada no blogue da Comunidade aproveitamos para presentar unha nova páxina onde “colgaremos” a documentación salientable ou solicitada polos Comuneiros. A páxina denominámola “Documentación” e está na barra principal de navegación no blogue. 

Expoñemos ao público tres documentos presentados na asemblea de Comuneiros do pasado día 9 de maio. Pódese acceder premendo AQUÍ