martes, 17 de marzo de 2015

Cancro do castiñeiro nos montes de Darbo

O cancro do castiñeiro é unha enfermidade moi grave que afecta principalmente aos castiñeiros (xénero Castanea), o axente responsable desta enfermidade é un fungo, máis concretamente, un fungo de orixe asiático introducido en Europa a través de Italia polo comercio de castiñeiros orixinarios do este de Asia. O nome deste fungo alóctono é Cryphonectria parasitica

Castiñeiro afectado polo cancro. Castelo, ano 2015.

Como normalmente acontece con tódalas bioinvasións, Cryphonectria parasitica causa poucos danos nos castiñeiros orixinarios de Asia. A explicación está na coexistencia entre ambas especies durante miles de anos, o fungo en contacto coas árbores produce pequenas adaptacións nos castiñeiros que “loitan” para evitar danos, á súa vez, o fungo adáptase aos cambios que sofren os castiñeiros para poder continuar parasitándoos. En definitiva, os castiñeiros asiáticos están preparados para defenderse de Cryphonectria, pero para os castiñeiros europeos, este fungo é como a Influenza para os indíxenas americanos, algo co que non están preparados para loitar. 

Actualmente Cryphonectria está presente en gran parte dos soutos do norte peninsular, e Galicia non é unha excepción. Aparecen zonas afectadas pola enfermidade en toda a xeografía galega. No monte de Darbo, o cancro do castiñeiro afecta á practica totalidade dos soutos, máis do 60% dos castiñeiros están afectados. 

Síntomas e danos producidos polo cancro nun castiñeiro.

Algo moi importante antes de continuar con este artigo, é indicar que o fungo Cryphonectria parasitica é incapaz de “infectar” a unha árbore coa codia sana, só cando existe unha ferida na casca, o castiñeiro está exposto a infectarse polo fungo. As feridas poden ser causadas por diversos motivos: o roce de dúas ramas polo vento, as podas realizadas sen desinfectar as ferramentas, as feridas non protexidas con pasta cicatrizante, os incendios forestais, as persoas impacientes que golpean as ramas dos castiñeiros para que caian as deliciosas castañas... Calquera ferida, por pequena que sexa, é unha porta aberta para que as esporas de Cryphonectria entre a través da codia. 
 
Castiñeiro con cancro. Castelo, ano 2015.

O principal axente propagador das esporas é o vento, mediante este medio as esporas poden recorrer moita distancia. Tamén a choiva, os animais, os insectos e aves poden ser vectores. Pero é o home o principal propagador do cancro mediante o transporte de material infectado, uso de ferramentas contaminadas, etc. 

O síntoma máis característico da enfermidade é a aparición de feridas na codia do tronco e ramas, denominadas “cancros” (ver a fotografía adxunta). Estas feridas, ao estenderse o fungo pola codia, producen un “anelamento” que corta a circulación da savia e en consecuencia as partes por enriba da zona obstruída morren e secan. Por debaixo do “anelamento” aparecen “chupóns” (brotes de crecemento rápido). 

Fotografía aérea da zona de Varlonga, Pedra Cabalgada, Castelo e Balcón do Rei.
Os polígonos indican zonas afectadas por cancro. En vermello as zonas moi afectadas, en laranxa as zonas moderadamente afectadas e en amarelo as zonas levemente afectadas pola enfermidade. 

O control desta enfermidade é moi complexa, no caso do monte de Darbo, lugar moi afectado polo cancro do castiñeiro débense seguir os seguintes métodos: 

  • Eliminación de árbores infectadas gravemente. 
  • Eliminar ramas afectadas e sanear feridas en árbores maduras. 
  • Queima de tódolos restos afectados por cancro do castiñeiro. 
  • Desinfección de ferramentas utilizadas para podar os castiñeiros, infectados ou non infectados (lixivia ao 10-20%). 
  • Utilizar masilla especial para selar as feridas nos castiñeiros.

martes, 10 de marzo de 2015

Patrimonio cultural dos montes de Darbo

Monte Castelo, onde se atopa o castro dos séculos IX-VIII a de C.
Introdución

Grazas á labor de investigación desenvolvida por diferentes persoas e colectivos do Morrazo, temos constancia da existencia de varios xacementos arqueolóxicos que delatan a presenza de diversas culturas na zona. Neste senso, os montes do Castelo, a Madalena e o Liboreiro, constitúen un punto de referencia por ter sido o asentamento escollido (grazas á súa estratéxica localización dentro do contexto da península do Morrazo) por diferentes civilizacións para a instalación das súas construcións. 

Xustificación 

A importancia que ao longo da historia tiveron os montes do Castelo, a Madalena e o Liboreiro ponse de manifesto na presenza de numerosos restos e xacementos que citaremos a continuación.

Localización do monte Castelo
Monte Castelo: Ao redor dos séculos IX-VIII a de C., iníciase unha paulatina sedentarización que dá orixe aos poboados estables nos outeiros de certos montes que terán recintos defensivos. No interior destes recintos poñerán as súas cabanas, feitas con elementos vexetais e barro que logo irán substituíndo por muros de manpostería. É a denominada Cultura Castrexa. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.044 
  • Tipo de restos: Castro e cerámica galaico romana. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 516.720 Y = 4.680.110 

Localízase enriba de Cimadevila, nunha cota de 244 m., na ladeira norte do Pico Castelo. A zona habitable atópase entre dous outeiros cun desenvolvemento de terrazas en tres niveis, presentando no seu lado norte dúas construcións defensivas. Documéntanse desde hai tempo achádegos de cerámicas castrexas e algúns muros foron postos ao descuberto por unha pista que atravesa a terraza inferior. Esta pista ademais cortou unha das construcións defensivas, que ten unhas dimensións de 4 m de ancho por 3 m de alto, e está formada por dous muros de manpostería separados por unha zona rechea de terra. Na zona máis elevada do monte, construíuse na Idade Media unha torre ou castelo que foi derruído con posterioridade nas guerras irmandiñas.

Mesa de Montes, Madalena. Ano 2014.
Madalena: A mediados do 3.000 a de C., e coincidindo coa fase final do Megalitismo, comeza a desenvolverse a primeira metalurxia, mediante o aproveitamento do cobre. Esta etapa é denominada Calcolítico. O desenvolvemento desta nova metalurxia supón que se vaian substituíndo os útiles líticos por unha nova utillaxe metálica. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.045 (Mesa de Montes).
  • Tipo de restos: Restos cerámicos. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 517.360 Y = 4.681.640 
Atopáronse fragmentos cerámicos do tipo Penha (tipo de cerámica marcadamente decorada a base de liñas que conforman motivos xeométricos).

Localización de Mesa de Montes e Liboreiro.
Liboreiro: A poboación indíxena continúa a habitar os seus castros, amosando algúns deles un grande apoxeo, levando a mesturar o seu xeito de vida cos rasgos culturais romanos, e dando lugar o nacemento da Cultura Galaico-romana. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.040 (Castro do Liboreiro).
  • Tipo de restos: Castro e restos cerámicos de orixe medieval. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 517.540 Y = 4.683.150 
Restos do castro de Liboreiro. Ano 2014.
Ademais de atoparse cerámicas comúns romanas, sigillatas e outros obxectos da cultura romana como moedas, e fíbulas, apareceron na escavación de 1.928 tres aras: unha sen epígrafe, outra ilexible (polo seu estado de conservación) e unha terceira adicada ao deus Verore ou Aerno (segundo os autores que se consulte). 


Redactado en Darbo. Novembro de 2007.
Equipo redactor: Alba Dasairas Bouzada, Alberto Pastoriza Barreiro, David Álvarez Graña e Simón Rial Pousa.