martes, 15 de octubre de 2019

"Por un monte galego con futuro"

A Mancomunidade de Montes Veciñais e Man Común do Morrazo apoia a manifestación do 20 outubro de 2019 "Por un monte galego con futuro". Adxuntamos a nota de prensa enviada aos medios de comunicación.



jueves, 10 de octubre de 2019

Actuacións en Outeiro Balea e Madalena

 
Neste comezo do mes de outubro a Comunidade de Montes de Darbo en colaboración co concello de Cangas está realizando unhas actuacións de restauración de infraestruturas para uso público no tramo baixo do río Pontillón no lugar de Outeiro Balea.


Instalouse unha varanda de madeira para protexer o noiro entre o camiño de acceso á costa de Outeiro Balea e o val fluvial do Pontillón, esta varanda ten continuidade sobre a ponte e a rúa das Barreiras.

Aproveitouse tamén para realizar unha roza no terreo Comunal para facilitar o desfrute da zona polos veciños. 


Na serra da Madalena comezaron os traballos de roza na faixa paralela ao camiño de ascenso á Mesa de Montes (ver fotografía de encabezamento).

A Xunta Reitora.

martes, 1 de octubre de 2019

Chega o outono ao monte de Darbo


Rematou o verán e unha nova estación comeza, o outono ven cargado de transformacións nos bosques de Darbo, as cores verdes deixan paso a cores ocres, castañas e laranxas. Tamén no monte aparecen os froitos de castiñeiros e fungos que atraen tódolos anos a centos de persoas para recoller estes manxares da natureza. 

Para un aproveitamento racional destes recursos, gratuitos e de libre recolllida para os veciños de Darbo, é importante seguir as seguintes indicacións:

Souto de A Pedra Cabalgada. Setembro 2019.

Para a recollida de castañas: 

1) Só recoller as castañas que están no chan. 

2) NUNCA varear as ramas dos castiñeiros. O monte de Darbo está afectado polo fungo que produce o Chancro (ver enlace), unha enfermidade grave que penetra polas feridas producidas na cortiza do castiñeiro. 

3) NON ACAPARAR, recolle e leva só a cantidade xusta para satisfacer as túas necesidades. Moitas persoas virán o souto tras a túa visita e gustarán de atopar castañas para degustar. 

4) Lembra deixar castañas para os animais do bosque. Eles tamén teñen que comer e o inverno é unha época de escaseza. 

Gymnopilus spectabilis na Pedra Cabalgada. Novembro 2008.

Para a recollida de cogomelos: 

1) Non tódolos cogomelos son comestibles. Observa, fotografía, utiliza guías de identificación, ante calquer dúbida, non recolectes e así evitarás a tentación de consumilas. 

2) Tanto na fase de localización como na de recolla de cogomelos non se empregarán máis instrumentos para a extracción que un coitelo ou navalla. Os cogomelos extraeranse coidadosamente coa punta da navalla ou coitelo desde a base do pé, de xeito que queden enteiros, e tendo perfectamente visibles todos os caracteres que permitan a súa correcta identificación sen danar o micelio. Unha vez extraídos reporase a terra ou a folla de xeito que o terreo quede nas condicións orixinais (DECRETO 50/2014, do 10 de abril) 

3) Deixaranse intactos os exemplares que non se vaian recoller (non arrancar, nin pisar). 

4) Os recipientes utilizados para o traslado e almacenaxe dos cogomelos terán que ser cestos ou recipientes de material permeable de semellante natureza, abertos pola súa cara superior, que permitan a súa aireación e a caída ao exterior das esporas. (DECRETO 50/2014, do 10 de abril) 

5) NON ACAPARAR. A normativa galega establece un máximo de 2 quilogramos de cogomelos por persoa e día. E só para consumo propio, NUNCA para a venda a terceiros. 

6) Quedan prohibidas segundo a normativa (polo que poden ser denunciables), as seguintes actuacións: 
  • Remexer o chan, tanto na fase de localización como na de recolla, de xeito que se altere ou prexudique a cobertoira vexetal superficial.
  • Usar anciños, angazos, aixadas ou calquera outra ferramenta que altere o cogomelo.
  • Recoller cogomelos e fungos pola noite.
  • Romper ou deteriorar calquera exemplar que non sexa obxecto de recolección.
  • Recoller cogomelos “novos” ou demasido “vellos”.
  • Recoller, alterar ou estragar exemplares de especies protexidas.
  • Trasladar e almacenar os cogomelos en bolsas de plástico ou similares.
A Xunta Reitora.