Plan de ordenación

 

FORMULARIO DE CONDICIÓNS PARA A ELABORACIÓN DO PLAN DE ORDENACIÓN DA COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DE DARBO 

 

1. Introdución.

Os montes de Darbo, están localizados no concello de Cangas (Pontevedra). A parroquia de Darbo, linda ó norte co concello de Bueu e as parroquias de Aldán e Coiro; ó sur coa ría de Vigo; ó leste coa parroquia de Santiago de Cangas e Coiro; e ó oeste coas parroquias do Hío e Aldán. Os montes da parroquia de Darbo, iniciaron o expediente da primeira clasificación mediante a publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra co número 115 e fecha de 21 de maio de 1979. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, clasificou os citados montes, como Veciñais en Man Común en sesión do día 15 de novembro de 1979. De acordo coa resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, clasifícanse os “Montes de Darbo”, cunha superficie de 163 hectáreas. Posteriormente a esta primeira clasificación aconteceron dúas máis, o 23 de setembro de 1992 (A Costa Santa Marta, Laxe de Milladoira, Franqueira, Barreiras e Anguieiro) e 16 de abril de 2012 (Porteliña e outros). 

A delimitación do monte correspóndese co deslinde parcial do antigo Monte de Utilidade Pública nº 293-13 denominado “Borradillo, Liboreiro e outros” aprobado por orde ministerial o 31 de marzo de 1955. O “monte de Darbo” segundo a carpeta ficha, documento base para a clasificación do monte veciñal, determina o linde da seguinte forma: “Os únicos límites destacables no perímetro dos montes da parroquia de Darbo son: polo norte dividen cos do termo municipal de Bueu subindo polos marcos cara ó oeste ata o Liboreiro. Polo oeste, dividen coas da parroquia de Aldán dende o Liboreiro cara ó sur seguindo o cumio da lomba que divide augas entre parroquias por Carballiño e Castelo, de onde cruza cara o oeste ata Varalonga. Tamén polo oeste dividen co “Castro Coruxo” da parroquia do Hío, dende Varalonga seguindo cara o sur pola lomba de Pedra Rachada abaixo ata as fincas particulares. Polos demais aires seguen os peches das fincas particulares, así como o “San Roque” enclavado entre estas.

 

A comunidade de Darbo mantén un convenio coa administración co número 3615552, concretamente coa Consellería do Medio Rural e Mar, asinado o 14 de abril de 1986 onde se estipulou a superficie en convenio en 134 hectáreas. O obxecto do convenio é a repoboación forestal dos terreos rasos e a conservación e os tratamentos silvícolas das masas arbóreas existentes ou que se creen, o aproveitamento das mesmas e os traballos de melloras do monte. 

O plan de ordenación da Comunidade actual é totalmente “produtivista” (centrado no aproveitamento madeireiro), e a nosa xestión está encamiñada maioritariamente cara unha promoción do patrimonio do Monte, tanto natural como cultural. Existe unha discrepancia entre a ferramenta actual de xestión e a liña de actuación dos xestores. 

O futuro plan de ordenación do Monte ten que primar a multifuncionalidade, pero dentro desta visión de xestión o peso da conservación, promoción e visualización do patrimonio ten que primar por riba do resto. 

O plan enfocarase en potenciar as “externalidades” positivas das masas forestais para a adaptación do territorio, ao considerar que o bosque colabora a regular o microclima local, mellora a calidade do ar e dota de espazos de uso público atractivos para a poboación, axudando a mellorar a saúde das persoas. O potencial dun bosque ben conservado como aula da natureza e ferramenta educativa para os escolares dos colexios do concello.

 

2. Obxectivos, condicións e principios de actuación.

Os obxectivos xerais do futuro plan de ordenación forestal, son (modificado de Madrigal, 1994): 

  • A persistencia do patrimonio natural, alcanzando a estabilidade ecolóxica. 
  • Condición de rendibilidade, previsión de rendas.
  • O máximo rendemento, optimización das diferentes utilidades do monte, o que implica un uso multifuncional. 

Os obxectivos específicos do Plan de Ordenación do Monte de Darbo en relación coa adaptación ao cambio climático centraranse en potenciar a multifuncionalidade das masas forestais a través de medidas como as seguintes: 

  • Potenciar a mestura de usos: forestal de crecemento lento, recreo, educativo, aproveitamento micolóxico, conservador e forestal produtivo. 
  • Condición de persistencia e estabilidade, perpetuación das masas arbóreas autóctonas presentes. 
  • Promover a creación dun bosque autóctono, non só unha masa arbolada caducifolia, coa totalidade de todos os estratos que iso supón (herbáceo, arbustivo e arbóreo) que garantan a máxima biodiversidade, non só dende o punto de vista da conservación senón tamén como atractivo para os usuarios do monte (lecer). 
  • Aumentar a biodiversidade. 
  • Conservar e restaurar o patrimonio cultural (Restaurar o patrimonio destruído, por exemplo, o muro defensivo do castro de Castelo). 
  • Restauración de espazos degradados (antigo vertedoiro de Varalonga, antigo vertedoiro de Cima de Vila, noiro de Varalonga, noiro de Montecarrasco). 
  • Condición de máxima utilidade, optimización das diferentes funcións do monte, tanto directas como indirectas. 
  • Condición de rendemento sostible.

Algunhas das solucións a implementar no futuro plan, son as seguintes: 

  • Diminuír a superficie “forestada” para aproveitamento madeireiro. 
  • Implementar outros usos: aproveitamento de froito (castaña), fungos comestibles, apícola, pastoreo, etc. 
  • Aumento da vexetación autóctona – restauración (frondosas si, pero non só frondosas. Promover a orixe local da semente e planta introducida no monte). 
  • Espazos para a fauna salvaxe (río Pontillón, zonas húmidas temporais, pedregal, etc.). 
  • Conservación das zonas de matogueira e herbáceas, en especial nos cumios dos montes, onde ao valor ecolóxico se lle engade o valor paisaxístico (Entender que estas zonas son as que atesouran o maior valor ecolóxico no monte de Darbo). 
  • Eliminación de especies exóticas invasoras. Bandas de frondosas autóctonas como cortalumes (Devasas verdes) nos lindes de tódalas plantacións forestais de monocultivo. 
  • Zonas didácticas e de interpretación o ar (arboretum de Varalonga, O Gorgullón, petróglifos, etc). 
  • Limitación das áreas recreativas (= merendeiros) a dúas zonas principais: Balcón do Rei e San Roque (teñen acceso directo en coche por estrada).
 
 
3. Factores de éxito e limitadores.

Éxito: importante patrimonio natural e cultural de titularidade comunal, xestión eficaz e máis produtiva de recursos naturais, xeración de novos espazos de uso público na natureza, liñas de axuda específicas para a xestión forestal innovadora. 

Limitadores: Barreiras económicas na planificación e execución de accións, risco de incendios, prazos moi longos para avaliar os efectos das accións. 


4. A participación no marco do futuro plan de ordenación.

Para engadir o compoñente social na xestión e organización do monte de Darbo utilizaranse os seguintes principios de participación (López Santalla e López Lillo, 2005): 

  • Participar é tomar parte: a participación é a intervención de tódolos actores no proceso de consecución do plan de ordenación, compartindo decisións en asuntos de afección xeral. Distribúense como unha ferramenta eficaz de intervención social, onde os sectores involucrados convértense en cooperativos ante un obxectivo común. 
  • A participación é buscar compromisos que permitan establecer pactos. Alcanzando de forma común e consensuada a solución ante os problemas. 
  • A integración da sociedade na planificación e xestión aumenta o seu sentido de responsabilidade compartida, reforzando a conciencia social e estruturando ás comunidades, que perciben a importancia do seu papel no logro dos obxectivos. 
  • Os procesos participativos exixen flexibilidade. Non se buscan formulacións pechadas ou excesivamente estruturadas, mais ben é un proceso dinámico, retroalimentado e adaptativo.

5. Metodoloxía de participación.

A metodoloxía de participación ten que consistir na recolecta de información xerada, por unha banda, polos técnicos da empresa do plan de ordenación forestal, e por outro lado, polos propios axentes implicados (persoas comuneiras, membros da xunta reitora e técnicos da comunidade de montes) na zona, a fin de obter unha visión completa, plural e axustada a realidade. A partir deste diagnóstico onde se identifican as problemáticas concretas, debátese e tómanse acordos sobre as propostas de mellora a incorporar no plan de ordenación. 

A metodoloxía ten que combinar dous procesos: 

  • Estudo técnico forestal para a ordenación dos recursos naturais existentes (inventario, usos e planificación). 
  • Diagnose participativa para identificar problemas derivados dos usos dos recursos naturais e realizar propostas de mellora consensuadas. 

O obxectivo debe ser integrar o coñecemento local, a través da participación, co coñecemento científico-técnico, partindo da premisa de que o coñecemento local pode enriquecer o contido e a coherencia dos resultados do estudo técnico de ordenación forestal. 

A participación debe desenrolarse mediante o uso de técnicas participativas seguindo as fases seguintes: 

  • Fase de diagnose: recollida e análise da información. 
  • Fase de elaboración de propostas: elaboración de directrices e propostas de actuación. 
  • Fase de análise e integración das propostas na planificación: planificación das actuacións. 
  • Fase de presentación pública: devolución do proceso e divulgación do plan de ordenación forestal.
 
 6. Cartografía do Plan de ordenación forestal do monte de Darbo (BORRADOR).
NOTA: Os lindes indicados na cartografía son aproximados.


7. Bibliografía.

A. López Santalla e A. López Lillo; 2005. Hacia una gestión forestal participativa, ponencia presentada no IV Congreso Nacional Forestal, Zaragoza. 

Madrigal, A.; 1994. Ordenación de Montes arbolados. ICONA. Colección Técnica. 

VVAA.; 2006. Guía práctica para la evaluación de procesos participativos. Observatorio Internacional de Democracia Participativa, Barcelona.


Autor: Alberto Pastoriza Barreiro.
Data de publicación: 27 de marzo de 2023.
Versión: 25 de abril de 2023.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario