jueves, 24 de diciembre de 2015

Restauración de Punta Corveiro - Borneira


A CMVMC de Darbo está realizando actuacións de restauración no terreo da súa propiedade en Punta Corveiro – Borneira. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, clasificou esta parcela o 16 de abril de 2012 a favor dos veciños de Darbo. Esta resolución de clasificación admite que este terreo foi aproveitado consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos veciños con casa aberta dende tempos inmemoriais.

Localización do terreo propiedade da CMVMC de Darbo en Punta Corveiro - Borneira.
A Punta Corveiro- Borneira foi ocupada ilegalmente durante os anos 80 e 90 do pasado século, e foi empregada durante anos para a acampada. Esta actividade, totalmente ilegal, degradou o espazo e deixou unhas fortes secuelas nunha zona con presenza de numerosas especies de plantas escasas na comarca de O Morrazo, ademais da degradación paisaxística e o impacto visual.

Vista da zona norte da parcela xa restaurada, sen cimentacións de formigón.
Ata o pasado mes de setembro aínda se conservaban as cimentacións de formigón realizadas para a instalación de caravanas e artefactos de acampada, así como dous pozos negros e un pozo de barrena. Estas cimentacións ocupaban uns 1.000 metros cadrados de superficie que impedían a colonización por parte da vexetación autóctona propia dos medios próximos ao medio mariño.

Vista xeral da parcela, despois do proceso de restauración. Decembro 2015.
As actuacións principais levadas a cabo con orzamento económico a cargo dos presupostos anuais da CMVMC de Darbo consistiron:

1) Roza de vexetación e eliminación de especies exóticas de carácter invasor (Real Decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras).

Zona norte do terreo en Punta Corveiro - Borneira coas cimentacións de formigón
e ao fondo as árbores da especie Platanus x hispanica eliminadas ao non ter un orixe autóctono. 
2) Apertura da zona de servidume de tránsito segundo Real Decreto 876/2014, eliminando as barreiras arquitectónicas e restauración xeomorfolóxica ao seu estado natural (restauración ambiental).

Linde oeste da parcela antes da actuación de restauración. Maio 2015.
3) Eliminación de muros e peches sobre o deslinde do Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT) e dentro da faixa de 6 metros da servidume de tránsito.

Linde oeste da parcela despois da actuación de restauración. Decembro 2015.
4) Eliminación de cimentacións de formigón, pozos negros e outras instalacións dentro da propiedade da CMVMC de Darbo.

5) Recollida de residuos e traslado a Punto Limpo.

Recollida e acopio de residuos antes do seu traslado ao Punto Limpo. Decembro 2015.

6) Rexeneración natural da zona. 

A Punta Corveiro- Borneira está integrada dentro da proposta de creación dun Espazo Natural de Interese Local nos montes da Porteliña, da Vela, Areamilla, Barreiras, etc. situados na zona de Balea – Areamilla – Santa Marta.

Localización da parcela propiedade da CMVMC de Darbo en
Punta Corveiro - Borneira dentro da proposta de ENIL Punta Balea - As Barreiras - Santa Marta.

martes, 27 de octubre de 2015

Presentada a proposta conxunta de creación do ENIL "Punta Balea-As Barreiras-Santa Marta"

Atardecer dende a Punta Corveiro, espazo propiedade dos comuneiros/as de
 Darbo e integrado dentro da proposta de ENIL.
Hoxe presentouse no rexistro do concello de Cangas un escrito conxunto pola cal a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Darbo e a asociación Grupo de Anelamento Anduriña solicitan que se dean os pasos pertinentes para a creación dun espazo natural en Punta Balea, As Barreiras e Santa Marta.

Dende a CMVMC de Darbo e a asociación Anduriña vimos de promover a creación dun Espazo Natural de Interese Local nos montes da Porteliña, da Vela, Areamilla, Barreiras, etc. situados na zona de Balea – Areamilla – Santa Marta, dado que posúen unha extraordinaria riqueza natural e paisaxística.
  
Proposta de ENIL en Darbo, Cangas.

Esta zona destaca pola concentración de multitude de hábitats en moi pouca superficie dando lugar a unha gran riqueza natural e a unha alta diversidade biolóxica. Ocupa unhas 35 ha, das que a práctica totalidade son de propiedade comunal. Este lugar atópase en solo rústico catalogado como de Protección de Espazos Naturais dende 1990, polas normas complementarias e subsidiarias da provincia de Pontevedra.

Enseada do Rei, zona integrada dentro da proposta de ENIL.

Os comuneiros de Darbo decidiron en Asemblea incorporar os terreos propiedade da CMVMC de Darbo á proposta de creación do citado Espazo Natural de Interese Local.

Este espazo non é unha illa; atópase no extremo da franxa de territorio catalogado como de Protección de Espazos Naturais, antes citado, que vai dende aquí ata Cabo Home, pasando polas interesantísimas paraxes botánicas das dunas de Liméns e de Nerga - Barra, que actúan de corredor garantindo a entrada e o intercambio xenético das diferentes especies de flora e fauna.

As Barreiras, desembocadura do regato do Pontillón.

A figura de protección máis axeitada para á zona sería o Espazo Natural de Interese Local (dende agora ENIL), regulada polo Decreto 124/2005, do 6 de maio. A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define a categoría de ENIL: “Por petición dos concellos e logo de informe da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a Consellería de Medio Ambiente poderá declarar como espazos naturais de interese local aqueles espazos integrados no termo municipal, que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais”.

As vantaxes da declaración do ENIL para o pobo de Cangas son a dispoñibilidade dun espazo natural próximo ao casco urbano para a realización de actividades de lecer, beneficios para a saúde e o benestar, educación ambiental que se poden orientar aos escolares e resto de cidadáns, a creación de itinerarios e módulos didácticos de xeito que permita asistir a visitas guiadas nas que se amose a fauna e a flora da localidade na que viven e a defensa e conservación do Patrimonio. Esta riqueza biolóxica tamén se pode visualizar como unha fonte de recursos para a poboación. O turismo e as actividades recreativas constitúen na actualidade un dos usos máis habituais neste tipo de espazos situados no litoral. Por último, é unha vía para recibir axudas económicas posto que segundo se desprende do artigo 5º do Decreto 124/2005 os ENIL “poderán ter preferencia na obtención de axudas para a súa conservación e xestión”.

Zona de Outeiro Balea, Darbo.

Será preciso elaborar un proxecto de rexeneración integral e de uso do Espazo Natural corrixindo a tendencia actual de progresiva degradación.

O antigo edificio do matadoiro semella idóneo como aula de natureza, que sirva de centro de interpretación, onde se explique aos visitantes as características dos diferentes ecosistemas e as especies que se poden observar, introducíndoos no estudo do medio ambiente e amosándolles a enorme riqueza ecolóxica na procura dunha maior sensibilización cos problemas derivados da humanización do medio natural.

O extraordinario potencial deste espazo natural, tan próximo coma descoñecido, verase estragado de non decretarse unha axeitada protección e xestión dos seus recursos naturais e paisaxísticos.

miércoles, 23 de septiembre de 2015

Depósito de auga para a loita contra os lumes forestais


Estreamos nova infraestrutura para a loita contra os lumes forestais. Trátase dun novo depósito de auga para o reabastecemento de camións auto – bomba e outros vehículos do operativo de extinción de incendios.

Localízase na ladeira este da serra da Madalena, no camiño principal que sae en dirección norte dende o complexo educativo María Soliño á altura do Anguieiro, en terreos propiedade dos veciños de Darbo.

Depósito co abrevadero. 2015
O depósito cumpre a normativa vixente para este tipo de infraestruturas, posúe unhas medidas exteriores de 6.5 x 4.5 metros, e unha altura de 2.5 metros. Ademais, para evitar que o depósito sexa unha trampa mortal para a fauna salvaxe e un perigo para as persoas ou acompañantes caninos engadiuse unha “rampa de escape” para evitar afogamentos accidentais (a máis da malla perimetral de protección obrigatoria).

Detalle da "rampa de escape" para a fauna silvestre. 2015
Agardamos non ter que utilizar este depósito nunca, e dende a Comunidade de Montes de Darbo traballamos por este obxectivo. Somos conscientes que os lumes forestais aínda sendo un problema complexo, teñen no seu orixe os monocultivos de especies “amantes do lume” ou as “especies invasoras” como son o eucalipto, acacias e mimosas. A mellor forma de atallalos lumes é a eliminación da base da súa propagación e promover a multifuncionalidade forestal.

sábado, 30 de mayo de 2015

Actuacións de silvicultura na zona de Pedra Cabalgada

A Pedra Cabalgada despois das actuacións de silvicultura. Maio 2015.
Nas pasadas semanas realizáronse actuacións de silvicultura na zona de Pedra Cabalgada, consistentes na poda de castiñeiros e carballos. A poda consiste nun proceso de corta de ramas dunha árbore ou arbusto (realizado coidadosamente por persoal cualificado) para diferentes obxectivos (sanidade forestal, formación para obtención de froito, formación para obtención de madeira de calidade, prevención de incendios forestais, etc.). 

Castiñeiro podado e saneado correctamente. Maio 2015.
A mellor época para realizar as actuacións de poda é ao comezo da actividade vexetativa da árbore, a principios da primavera, así obteremos cicatrizacións das feridas máis rápidas. 

A poda no castiñeiro debe efectuarse cada 2 – 4 anos, alcanzando unha altura da zona podada de polo menos 6 metros, dependendo do aproveitamento (ou non) da masa arbórea. É importante realizar os cortes de forma correcta, un corte limpo e próximo ao fuste principal (respectando o coxinete de inserción da rama a eliminar, ver imaxe adxunta), sen deixar toros que posteriormente podrecen ou dificultan a cicatrización da ferida. A ferramenta debe estar ben afiada e debe desinfectarse con lixivia ao 10-20% cada vez que se cambie de exemplar a podar para evitar a transmisión do cancro do castiñeiro (Cryphonectria parasitica). A utilización de masilla especial para selar as feridas é esencial para manter a sanidade do castiñeiro, pois calquera ferida, por pequena que sexa, é unha porta aberta para que as esporas de Cryphonectria entre a través da codia.

Execución correcta de poda.
Os restos resultantes das podas deben xestionarse segundo procedan de árbores sans (amoreamento nun punto concreto do terreo ou trituración) ou infectados por enfermidades (queima de tódolos restos).

Amoreamento dos restos de poda na Pedra Cabalgada. Maio 2015.

lunes, 18 de mayo de 2015

Contas do Convenio entre a CMVMC de Darbo e a Consellería do Medio Rural

Nesta nova entrada no blogue da Comunidade aproveitamos para presentar unha nova páxina onde “colgaremos” a documentación salientable ou solicitada polos Comuneiros. A páxina denominámola “Documentación” e está na barra principal de navegación no blogue. 

Expoñemos ao público tres documentos presentados na asemblea de Comuneiros do pasado día 9 de maio. Pódese acceder premendo AQUÍ



lunes, 27 de abril de 2015

Convocatoria de Asamblea Xeral Ordinaria da CMVMC de Darbo



Convocamos aos comuneiros á ASEMBLEA XERAL de carácter ordinario da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Darbo que terá lugar o vindeiro SÁBADO 09 de MAIO de 2015 no Colexio Público de San Roque ás 15.00 en primeira convocatoria e ás 17:00 en SEGUNDA CONVOCATORIA

A Asemblea terá a seguinte orde do día: 

1. Lectura e aprobación da acta da anterior asemblea, se procede. 
2. Altas e baixas no censo de comuneiros. 
3. Informe económico do ano 2014 e aprobación de contas. 
4. Informe de xestión do ano 2014. 
5. Cesión de terreos a FENOSA e Deputación Provincial. 
6. Estado de contas do monte conveniado coa Consellería. 
7. Proxecto asociación Anduriña. 
8. Temas xurídicos. 
9. Preguntas e propostas. 

Solicitamos a vosa asistencia, xa que O MONTE COMUNAL é un dereito e un ben a preservar que nos pertence. 

Un cordial saúdo.

martes, 17 de marzo de 2015

Cancro do castiñeiro nos montes de Darbo

O cancro do castiñeiro é unha enfermidade moi grave que afecta principalmente aos castiñeiros (xénero Castanea), o axente responsable desta enfermidade é un fungo, máis concretamente, un fungo de orixe asiático introducido en Europa a través de Italia polo comercio de castiñeiros orixinarios do este de Asia. O nome deste fungo alóctono é Cryphonectria parasitica

Castiñeiro afectado polo cancro. Castelo, ano 2015.

Como normalmente acontece con tódalas bioinvasións, Cryphonectria parasitica causa poucos danos nos castiñeiros orixinarios de Asia. A explicación está na coexistencia entre ambas especies durante miles de anos, o fungo en contacto coas árbores produce pequenas adaptacións nos castiñeiros que “loitan” para evitar danos, á súa vez, o fungo adáptase aos cambios que sofren os castiñeiros para poder continuar parasitándoos. En definitiva, os castiñeiros asiáticos están preparados para defenderse de Cryphonectria, pero para os castiñeiros europeos, este fungo é como a Influenza para os indíxenas americanos, algo co que non están preparados para loitar. 

Actualmente Cryphonectria está presente en gran parte dos soutos do norte peninsular, e Galicia non é unha excepción. Aparecen zonas afectadas pola enfermidade en toda a xeografía galega. No monte de Darbo, o cancro do castiñeiro afecta á practica totalidade dos soutos, máis do 60% dos castiñeiros están afectados. 

Síntomas e danos producidos polo cancro nun castiñeiro.

Algo moi importante antes de continuar con este artigo, é indicar que o fungo Cryphonectria parasitica é incapaz de “infectar” a unha árbore coa codia sana, só cando existe unha ferida na casca, o castiñeiro está exposto a infectarse polo fungo. As feridas poden ser causadas por diversos motivos: o roce de dúas ramas polo vento, as podas realizadas sen desinfectar as ferramentas, as feridas non protexidas con pasta cicatrizante, os incendios forestais, as persoas impacientes que golpean as ramas dos castiñeiros para que caian as deliciosas castañas... Calquera ferida, por pequena que sexa, é unha porta aberta para que as esporas de Cryphonectria entre a través da codia. 
 
Castiñeiro con cancro. Castelo, ano 2015.

O principal axente propagador das esporas é o vento, mediante este medio as esporas poden recorrer moita distancia. Tamén a choiva, os animais, os insectos e aves poden ser vectores. Pero é o home o principal propagador do cancro mediante o transporte de material infectado, uso de ferramentas contaminadas, etc. 

O síntoma máis característico da enfermidade é a aparición de feridas na codia do tronco e ramas, denominadas “cancros” (ver a fotografía adxunta). Estas feridas, ao estenderse o fungo pola codia, producen un “anelamento” que corta a circulación da savia e en consecuencia as partes por enriba da zona obstruída morren e secan. Por debaixo do “anelamento” aparecen “chupóns” (brotes de crecemento rápido). 

Fotografía aérea da zona de Varlonga, Pedra Cabalgada, Castelo e Balcón do Rei.
Os polígonos indican zonas afectadas por cancro. En vermello as zonas moi afectadas, en laranxa as zonas moderadamente afectadas e en amarelo as zonas levemente afectadas pola enfermidade. 

O control desta enfermidade é moi complexa, no caso do monte de Darbo, lugar moi afectado polo cancro do castiñeiro débense seguir os seguintes métodos: 

  • Eliminación de árbores infectadas gravemente. 
  • Eliminar ramas afectadas e sanear feridas en árbores maduras. 
  • Queima de tódolos restos afectados por cancro do castiñeiro. 
  • Desinfección de ferramentas utilizadas para podar os castiñeiros, infectados ou non infectados (lixivia ao 10-20%). 
  • Utilizar masilla especial para selar as feridas nos castiñeiros.

martes, 10 de marzo de 2015

Patrimonio cultural dos montes de Darbo

Monte Castelo, onde se atopa o castro dos séculos IX-VIII a de C.
Introdución

Grazas á labor de investigación desenvolvida por diferentes persoas e colectivos do Morrazo, temos constancia da existencia de varios xacementos arqueolóxicos que delatan a presenza de diversas culturas na zona. Neste senso, os montes do Castelo, a Madalena e o Liboreiro, constitúen un punto de referencia por ter sido o asentamento escollido (grazas á súa estratéxica localización dentro do contexto da península do Morrazo) por diferentes civilizacións para a instalación das súas construcións. 

Xustificación 

A importancia que ao longo da historia tiveron os montes do Castelo, a Madalena e o Liboreiro ponse de manifesto na presenza de numerosos restos e xacementos que citaremos a continuación.

Localización do monte Castelo
Monte Castelo: Ao redor dos séculos IX-VIII a de C., iníciase unha paulatina sedentarización que dá orixe aos poboados estables nos outeiros de certos montes que terán recintos defensivos. No interior destes recintos poñerán as súas cabanas, feitas con elementos vexetais e barro que logo irán substituíndo por muros de manpostería. É a denominada Cultura Castrexa. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.044 
  • Tipo de restos: Castro e cerámica galaico romana. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 516.720 Y = 4.680.110 

Localízase enriba de Cimadevila, nunha cota de 244 m., na ladeira norte do Pico Castelo. A zona habitable atópase entre dous outeiros cun desenvolvemento de terrazas en tres niveis, presentando no seu lado norte dúas construcións defensivas. Documéntanse desde hai tempo achádegos de cerámicas castrexas e algúns muros foron postos ao descuberto por unha pista que atravesa a terraza inferior. Esta pista ademais cortou unha das construcións defensivas, que ten unhas dimensións de 4 m de ancho por 3 m de alto, e está formada por dous muros de manpostería separados por unha zona rechea de terra. Na zona máis elevada do monte, construíuse na Idade Media unha torre ou castelo que foi derruído con posterioridade nas guerras irmandiñas.

Mesa de Montes, Madalena. Ano 2014.
Madalena: A mediados do 3.000 a de C., e coincidindo coa fase final do Megalitismo, comeza a desenvolverse a primeira metalurxia, mediante o aproveitamento do cobre. Esta etapa é denominada Calcolítico. O desenvolvemento desta nova metalurxia supón que se vaian substituíndo os útiles líticos por unha nova utillaxe metálica. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.045 (Mesa de Montes).
  • Tipo de restos: Restos cerámicos. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 517.360 Y = 4.681.640 
Atopáronse fragmentos cerámicos do tipo Penha (tipo de cerámica marcadamente decorada a base de liñas que conforman motivos xeométricos).

Localización de Mesa de Montes e Liboreiro.
Liboreiro: A poboación indíxena continúa a habitar os seus castros, amosando algúns deles un grande apoxeo, levando a mesturar o seu xeito de vida cos rasgos culturais romanos, e dando lugar o nacemento da Cultura Galaico-romana. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.040 (Castro do Liboreiro).
  • Tipo de restos: Castro e restos cerámicos de orixe medieval. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 517.540 Y = 4.683.150 
Restos do castro de Liboreiro. Ano 2014.
Ademais de atoparse cerámicas comúns romanas, sigillatas e outros obxectos da cultura romana como moedas, e fíbulas, apareceron na escavación de 1.928 tres aras: unha sen epígrafe, outra ilexible (polo seu estado de conservación) e unha terceira adicada ao deus Verore ou Aerno (segundo os autores que se consulte). 


Redactado en Darbo. Novembro de 2007.
Equipo redactor: Alba Dasairas Bouzada, Alberto Pastoriza Barreiro, David Álvarez Graña e Simón Rial Pousa.

martes, 24 de febrero de 2015

Patrimonio Natural dos montes de Darbo II

Paporrubio (Erithacus rubecula).
Vertebrados

Anfibios e réptiles 

Tódolos herpetos que viven nos montes de Darbo están protexidos pola lexislación estatal e polos convenios internacionais. Na zona atopamos herpetos típicos do bosque caducifolio galego, son especies boreais e endémicas, como a píntega (Salamandra salamandra), a saramaganta (Chioglossa lusitanica) endemismo noroccidental ibérico, e a ra patilonga (Rana iberica) endemismo ibérico, estes dous últimos taxons catalogados como vulnerables no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (C.G.E.A.). Estas especies son características dos medios umbríos co solo cuberto de follasca. 

Exemplar de ra patilonga (Rana iberica) no rego Pontillón, Pedra Cabalgada.
Nas formacións de matogueiras, que proveñen da destrución das carballeiras, ou de forma natural onde non foi posible o desenrolo do bosque, viven herpetos de orixe boreal e endémicos como o escáncer (Anguis fragilis), o sapo (Bufo bufo) e o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). Nos rochedos e pedregais atopamos réptiles termófilos, o lagarto arnal (Lacerta lepida), a lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica) e a cobra lagarteira meridional (Coronella girondica). En relación a singularidade e rareza, indicar a presenza dun endemismo noroccidental ibérico, case que exclusivo o territorio galego, a lagartixa galega (Podarcis bocagei) e tres endemismos ibéricos, o pintafontes común (Triturus boscai), o sapiño pintoxo (Discoglossus galganoi) e o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). As especies de herpetos contabilizados nos montes de Darbo, ascenden a 6 anfibios e 11 réptiles. 

Aves 

En primeiro lugar, lembrar que tódalas especies de aves que viven no noso Monte están protexidas pola lexislación. Por suposto non imos enumerar a totalidade e variedade de aves pero si indicaremos as especies máis características que temos o privilexio de acubillar nos terreos en Común. Exemplos coma a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus), a lavandeira real (Motacilla cinerea), a azulenta común (Prunella modularis), o paporrubio (Erithacus rubecula), o tordo común (Turdus philomelos), o picafollas común (Phylloscopus collybita), o picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus) endemismo da península Ibérica, SO de Francia e NO de África, a estreliña riscada (Regulus ignicapilla), o ferreiriño negro (Parus ater) e o cardeal (Pyrrhula pyrrhula). Dúas especies características das masas forestais, atópanse extintas destes montes, o miñato abelleiro (Pernis apivorus) e o gabeador azul (Sitta europaea) especies que necesitan bosques caducifolios, preferentemente de carballos. Debemos salientar que están citadas aproximadamente 150 especies na parroquia de Darbo, incluindo especies de observación excepcional. O máis axeitado é falar da riqueza específica nos montes de Darbo, que  ascende a 70 especies de aves, das cales 25 observáronse algunha vez aniñando.

Macho de lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi).

Mamíferos 

No tocante os mamíferos destacar a singularidade de tres especies de alto valor como o furaño (Sorex granarius) e a toupeira (Talpa occidentalis) endemismos ibéricos, e a trilladeira (Microtus lusitanicus) endemismo do cuadrante noroccidental ibérico e extremo suroccidental de Francia. A riqueza específica nos montes de Darbo ascende a 26 especies de mamíferos. Mención especial precisan os morcegos presentes no noso Monte, podemos atopar até dez das catorce especies nomeadas polo de agora na península do Morrazo, estes son: morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), morcego mediterráneo de ferradura (Rhinolophus euryale), morcego de Natterer (Myotis nattereri), morcego orelludo dourado (Plecotus auritus), morcego orelludo cincento (Plecotus austriacus), morcego da fraga (Barbastella barbastellus), morcego común (Pipistrellus sp.), morcego de horta (Eptesicus serotinus) e por último o nóctulo menor (Nyctalus leisleri). 

Furaño (Sorex granarius).
Dentro dá orde dos morcegos, son os morcegos de ferradura os que maior retroceso están a sufrir a nivel europeo, debido a súa vulnerabilidade. É por iso que é moi importante a protección das áreas de alimentación é refuxio alí onde aínda se conservan poboacións, como é o caso da zona que tratamos. Esta regresión está a acontecer na maior parte dos morcegos, por iso, están estritamente protexidos na lexislación. 

No espazo dos montes de Darbo atopamos especies que contan con moi poucas localidades a nivel galego, este é o caso do morcego da fraga, o nóctulo pequeno e o morcego de ferradura mediterráneo. Ó seren especies de hábitos nocturnos precisan de refuxios onde pasar a meirande parte do día sen ser molestados e onde protexerse das condicións meteorolóxicas adversas dependendo da existencia de buratos nas árbores, casas abandonadas, minas de auga e covas artificiais. Os morcegos son animais que están a sufrir unha perda importantísima de espazo vital. A maior ameaza e o descoñecemento da súa bioloxía, o que fai que aínda os miremos con desconfianza, sendo o progreso e a industrialización os seus principais inimigos. No Morrazo están pasando por un duro momento no que a desaparición dos bosques autóctonos e o urbanismo incontrolado provoca a perda de hábitats e refuxios naturais, as novas construcións son totalmente herméticas sendo o urbanismo unha forte perda de refuxios.


Redactado en Darbo. Novembro de 2007.
Equipo redactor: David Álvarez Graña, Simón Rial Pousa, Alba Dasairas Bouzada e Alberto Pastoriza Barreiro.
Fotografías: Alberto Pastoriza Barreiro.

martes, 10 de febrero de 2015

Patrimonio Natural dos montes de Darbo I

Souto de Pedra Cabalgada en outono. Ano 2008.
Introdución 

O Morrazo e especialmente Cangas é unha área cunha forte presión humana que se caracteriza como gran parte do país pola dispersión poboacional. Isto, impide a existencia de áreas naturais cunha boa extensión susceptibles de conteren os parámetros necesarios tecnicamente para seren protexidos.

Dende un punto de vista ecolóxico, poderiamos considerar á península do Morrazo como unha illa. É dicir, un territorio que non ten continuidade co seu entorno natural máis próximo. Isto é debido á instalación de infraestruturas (como son, por exemplo, o Corredor do Morrazo ou, a cada vez máis común, presenza de edificacións) que impiden o intercambio de especies entre os diferentes ecosistemas. E tamén ao deterioro e degradación progresiva das áreas naturais, o que dificulta a existencia de paraxes naturais de importantes dimensións. Isto fai que se incremente aínda máis a importancia de moitas das áreas forestais existentes dentro da península do Morrazo. Tal é o caso dos montes de Darbo. Este territorio actúa como corredor ecolóxico, permitindo a circulación e, polo tanto, o intercambio de especies, entre os montes de O Hío (espazo da Rede Natura 2000 “Costa da Vela”) e os de Coiro.

Bosquete xoven de Carballo (Quercus robur) no Castelo. Ano 2014.

Numerosos individuos (liques, fentos, plantas superiores, réptiles, aves, mamíferos de pequeno e mediano tamaño ...) ven incrementada a súa área de campeo grazas a estes montes. Deste xeito, favorécese o intercambio entre individuos e mitígase, polo tanto, a perda de variabilidade xenética, unha das principais causas da desaparición de especies. Unha especie, pode verse limitada pola ausencia de interaccións con outras, a existencia de corredores que comuniquen os distintos hábitats fai que poidan habitar un maior número de especies, xa que unha superficie de maior tamaño permite a existencia de máis exemplares.

Flora

Desde o punto de vista estritamente botánico, os montes de Darbo están poboadas fundamentalmente por mato, repoboacións forestais e bosques artificiais que teñen a súa orixe nestas repoboacións. Tamén existen pequenos bosquetes naturais cun alto valor biolóxico, ecolóxico, social, cultural e en definitiva patrimonial, únicos no Concello e que poden desenvolver un papel moi importante na rexeneración dos ecosistemas e hábitats da comarca do Morrazo.

Follas de frondosas no chan, monte de Darbo.
O mato domina en moitos dos montes que forman a serra, sobre todo naqueles nas que as abas teñen unha forte pendente. Está constituído fundamentalmente por toxeiras e uceiras, formacións vexetais de importancia capital tanto biolóxica como social e cultural. En contra do que se pensa debido á súa omnipresencia no noso país e sobre todo nas áreas costeiras, estas formacións son moi escasas e restrinxidas a nivel europeo. De feito, están protexidas na Directiva 92/43/CEE da Unión Europea figurando como “hábitats de interese comunitario”. Isto quere dicir que a U.E. considéraos, despois de valorar todos os hábitats presentes no territorio comunitario, como un hábitat ameazado e que debe estar protexido mediante a creación de espazos naturais que conteñan estas comunidades. Un bo exemplo, que motivou a declaración da “Costa da Vela” como integrante da Rede Natura 2000 foron as súas toxeiras-uceiras e non a súa espectacular paisaxe (como adoita pensarse). Ó seu importantísimo valor biolóxico e como patrimonio natural engádeselle a función ecolóxica, xa que estas matogueiras son as responsables de substituir o bosque natural cando este é degradado, e de facilitar a súa recuperación enriquecendo o chan, creando solo e substrato e favorecendo paseniñamente a colonización do bosque. Temos que engadirlle ademais a importancia social xa que o toxo foi utilizado dende antigo como estrume e abono de calidade moi alta e mesmo chegou a ser sementado, constituíndo polo tanto un elemento de moito valor na vida dos nosos antergos. Pero tamén ten unha importantísima función cultural. De feito son moitos os cantares, refráns, coplas, nomes, etc., presentes na cultura popular mesmo chegando a constituír o toxo como unha especie de planta (símbolo) senlleira do país (xunto co carballo, a gaita, etc.). Ata a súa flor ten varios nomes (Xorima, Alecrín, etc.). 

Xorimas de toxo (Ulex europaeus) en Santa Marta.
Os bosquetes naturais que aínda quedan nas zonas máis refuxiadas da serra tamén teñen un excepcional valor como patrimonio natural e cultural. Son carballeiras moi especiais debido a súa situación bioxeográfica, é dicir, na zona máis termófila e mariña do país (ó estar no sur de Galicia e nunha península mariña). É por iso que se mesturan, nestes bosques de carácter europeo por excelencia, especies mediterráneas e as propias europeas contendo unha diversidade moito maior da que xa por si teñen normalmente as carballeiras. Podemos dicir, polo tanto, que son uns bosques únicos resultado dunhas características climáticas singulares e case exclusivas do Morrazo. Como mostra desta alta diversidade dicir que estas carballeiras son das pouquísimas que conteñen érbedo (Arbutus unedo), árbore mediterránea por excelencia da que no Morrazo só se coñecen poucos exemplares en Cangas e Bueu. Pero, ó mesmo tempo tamén está presente nestes mesmos bosques unha das xoias botánicas do Morrazo representando desta volta á flora europea. É o acibo (Ilex aquifolium), especie senlleira e que no Morrazo só ten dúas poboacións, unha en Marín e outra nesta serra en Cangas. Estamos a falar de dúas especies que nin tan sequera aparecen nas carballeiras con máis sona e máis extensas do Morrazo como Coiro-Ermelo (Cangas-Bueu-Moaña), Cela (Bueu) e A Fraga (Moaña). 

Detalle das follas do Érbedo (Arbutus unedo).

Tamén os fentos son importantes nestes bosques húmidos, de feito aparecen ata vinte especies distintas algunhas das cales como a cabriña (Davallia canariensis), son especies que quedan como restos da flora subtropical que houbo en Galicia. Ten unha distribución vencellada ás zonas costeiras de clima moi suave sendo polo tanto unha especie escasa e incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. 

Aparecen nestas carballeiras unha morea máis de especies moi interesantes, algunhas delas protexidas e endémicas cuxas descricións polo miúdo farían excesivamente longo este resumo dos valores botánicos pero que cumpriría facelo para amosar a riqueza patrimonial e singularidade no contexto europeo, galego e mesmo morracense que teñen os restos destes bosques cangueses e que sendo parte da nosa identidade estamos a piques de perder. Como apoio a todo o exposto, cómpre subliñar que estes bosques están incluídos tamén na Directiva 92/43/CEE, e polo tanto protexidos atendendo a súa escaseza, singularidade e grao de ameaza. Figuran nesta directiva coa denominación de “Bosques galaico-portugueses con carballo (Quercus robur) e cerquiño (Quercus pyrenaica)”.

Centaurea sphaerocephala en terreos da CMVMC de Darbo en Balea. 

Redactado en Darbo. Novembro de 2007.
Equipo redactor: Alberto Pastoriza Barreiro, David Álvarez Graña, Simón Rial Pousa e Alba Dasairas Bouzada.

viernes, 30 de enero de 2015

Oito anos da creación do Arboreto da Raposa


No inverno do ano 2006 a Xunta Rectora da CMVMC de Darbo iniciou, co apoio da Asamblea de Comuneiros, a creación dunha área de interpretación do patrimonio forestal e natural na zona de Varalonga - Outeiro dos Corvos (Rodais: 00808, 00810 e 00811). Ademais, acompañando a esta actuación realizouse unha repoboación de frondosas autóctonas cunha superficie total de 2,42 hectáreas.

Localización do Arboreto da Raposa en Darbo. Fonte: Google.
A finalidade perseguida coa creación do Arboreto foi a creación dunha cuberta vexetal con importante presencia dun estrato arbóreo formado exclusivamente por especies de carácter autóctono, acadando os seguintes obxectivos:

1) A multifuncionalidade ambiental e a sustentabilidade para que as actividades relacionadas co uso recreativo teñan a forma e a intensidade que permitan manter na futura masa forestal a biodiversidade, a complexidade específica, a capacidade de rexeneración da vexetación potencial e a vitalidade. Garantindo na medida do posible a eficacia e o cumprimento indefinido das súas múltiples funcións; ambientais, ecolóxicas, protectoras, sociais e culturais.

Zona de actuación no inverno de 2006 - 2007.
2) Disposición dun espacio axeitado no que realizar actividades de docencia en materia de Educación Medioambiental e Uso Público do Medio Natural.

O incendio do verán de 2006 afectou  á zona de Varalonga, área de repoboación.
3) Posta en valor dende o punto de vista ecolóxico e paisaxístico do “Monte de Varalonga”, pasando dun uso recreativo intensivo a dispoñer dun estrato forestal protector.

Captura de imaxe da presentación do proxecto á Asamblea Xeral de Comuneiros.
4) Ofertar ao público en xeral un punto de acercamento ao medio natural e as formacións boscosas características da península do Morrazo.

5) Potenciar a biodiversidade.