martes, 27 de octubre de 2015

Presentada a proposta conxunta de creación do ENIL "Punta Balea-As Barreiras-Santa Marta"

Atardecer dende a Punta Corveiro, espazo propiedade dos comuneiros/as de
 Darbo e integrado dentro da proposta de ENIL.
Hoxe presentouse no rexistro do concello de Cangas un escrito conxunto pola cal a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Darbo e a asociación Grupo de Anelamento Anduriña solicitan que se dean os pasos pertinentes para a creación dun espazo natural en Punta Balea, As Barreiras e Santa Marta.

Dende a CMVMC de Darbo e a asociación Anduriña vimos de promover a creación dun Espazo Natural de Interese Local nos montes da Porteliña, da Vela, Areamilla, Barreiras, etc. situados na zona de Balea – Areamilla – Santa Marta, dado que posúen unha extraordinaria riqueza natural e paisaxística.
  
Proposta de ENIL en Darbo, Cangas.

Esta zona destaca pola concentración de multitude de hábitats en moi pouca superficie dando lugar a unha gran riqueza natural e a unha alta diversidade biolóxica. Ocupa unhas 35 ha, das que a práctica totalidade son de propiedade comunal. Este lugar atópase en solo rústico catalogado como de Protección de Espazos Naturais dende 1990, polas normas complementarias e subsidiarias da provincia de Pontevedra.

Enseada do Rei, zona integrada dentro da proposta de ENIL.

Os comuneiros de Darbo decidiron en Asemblea incorporar os terreos propiedade da CMVMC de Darbo á proposta de creación do citado Espazo Natural de Interese Local.

Este espazo non é unha illa; atópase no extremo da franxa de territorio catalogado como de Protección de Espazos Naturais, antes citado, que vai dende aquí ata Cabo Home, pasando polas interesantísimas paraxes botánicas das dunas de Liméns e de Nerga - Barra, que actúan de corredor garantindo a entrada e o intercambio xenético das diferentes especies de flora e fauna.

As Barreiras, desembocadura do regato do Pontillón.

A figura de protección máis axeitada para á zona sería o Espazo Natural de Interese Local (dende agora ENIL), regulada polo Decreto 124/2005, do 6 de maio. A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define a categoría de ENIL: “Por petición dos concellos e logo de informe da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a Consellería de Medio Ambiente poderá declarar como espazos naturais de interese local aqueles espazos integrados no termo municipal, que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais”.

As vantaxes da declaración do ENIL para o pobo de Cangas son a dispoñibilidade dun espazo natural próximo ao casco urbano para a realización de actividades de lecer, beneficios para a saúde e o benestar, educación ambiental que se poden orientar aos escolares e resto de cidadáns, a creación de itinerarios e módulos didácticos de xeito que permita asistir a visitas guiadas nas que se amose a fauna e a flora da localidade na que viven e a defensa e conservación do Patrimonio. Esta riqueza biolóxica tamén se pode visualizar como unha fonte de recursos para a poboación. O turismo e as actividades recreativas constitúen na actualidade un dos usos máis habituais neste tipo de espazos situados no litoral. Por último, é unha vía para recibir axudas económicas posto que segundo se desprende do artigo 5º do Decreto 124/2005 os ENIL “poderán ter preferencia na obtención de axudas para a súa conservación e xestión”.

Zona de Outeiro Balea, Darbo.

Será preciso elaborar un proxecto de rexeneración integral e de uso do Espazo Natural corrixindo a tendencia actual de progresiva degradación.

O antigo edificio do matadoiro semella idóneo como aula de natureza, que sirva de centro de interpretación, onde se explique aos visitantes as características dos diferentes ecosistemas e as especies que se poden observar, introducíndoos no estudo do medio ambiente e amosándolles a enorme riqueza ecolóxica na procura dunha maior sensibilización cos problemas derivados da humanización do medio natural.

O extraordinario potencial deste espazo natural, tan próximo coma descoñecido, verase estragado de non decretarse unha axeitada protección e xestión dos seus recursos naturais e paisaxísticos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario