martes, 17 de marzo de 2015

Cancro do castiñeiro nos montes de Darbo

O cancro do castiñeiro é unha enfermidade moi grave que afecta principalmente aos castiñeiros (xénero Castanea), o axente responsable desta enfermidade é un fungo, máis concretamente, un fungo de orixe asiático introducido en Europa a través de Italia polo comercio de castiñeiros orixinarios do este de Asia. O nome deste fungo alóctono é Cryphonectria parasitica

Castiñeiro afectado polo cancro. Castelo, ano 2015.

Como normalmente acontece con tódalas bioinvasións, Cryphonectria parasitica causa poucos danos nos castiñeiros orixinarios de Asia. A explicación está na coexistencia entre ambas especies durante miles de anos, o fungo en contacto coas árbores produce pequenas adaptacións nos castiñeiros que “loitan” para evitar danos, á súa vez, o fungo adáptase aos cambios que sofren os castiñeiros para poder continuar parasitándoos. En definitiva, os castiñeiros asiáticos están preparados para defenderse de Cryphonectria, pero para os castiñeiros europeos, este fungo é como a Influenza para os indíxenas americanos, algo co que non están preparados para loitar. 

Actualmente Cryphonectria está presente en gran parte dos soutos do norte peninsular, e Galicia non é unha excepción. Aparecen zonas afectadas pola enfermidade en toda a xeografía galega. No monte de Darbo, o cancro do castiñeiro afecta á practica totalidade dos soutos, máis do 60% dos castiñeiros están afectados. 

Síntomas e danos producidos polo cancro nun castiñeiro.

Algo moi importante antes de continuar con este artigo, é indicar que o fungo Cryphonectria parasitica é incapaz de “infectar” a unha árbore coa codia sana, só cando existe unha ferida na casca, o castiñeiro está exposto a infectarse polo fungo. As feridas poden ser causadas por diversos motivos: o roce de dúas ramas polo vento, as podas realizadas sen desinfectar as ferramentas, as feridas non protexidas con pasta cicatrizante, os incendios forestais, as persoas impacientes que golpean as ramas dos castiñeiros para que caian as deliciosas castañas... Calquera ferida, por pequena que sexa, é unha porta aberta para que as esporas de Cryphonectria entre a través da codia. 
 
Castiñeiro con cancro. Castelo, ano 2015.

O principal axente propagador das esporas é o vento, mediante este medio as esporas poden recorrer moita distancia. Tamén a choiva, os animais, os insectos e aves poden ser vectores. Pero é o home o principal propagador do cancro mediante o transporte de material infectado, uso de ferramentas contaminadas, etc. 

O síntoma máis característico da enfermidade é a aparición de feridas na codia do tronco e ramas, denominadas “cancros” (ver a fotografía adxunta). Estas feridas, ao estenderse o fungo pola codia, producen un “anelamento” que corta a circulación da savia e en consecuencia as partes por enriba da zona obstruída morren e secan. Por debaixo do “anelamento” aparecen “chupóns” (brotes de crecemento rápido). 

Fotografía aérea da zona de Varlonga, Pedra Cabalgada, Castelo e Balcón do Rei.
Os polígonos indican zonas afectadas por cancro. En vermello as zonas moi afectadas, en laranxa as zonas moderadamente afectadas e en amarelo as zonas levemente afectadas pola enfermidade. 

O control desta enfermidade é moi complexa, no caso do monte de Darbo, lugar moi afectado polo cancro do castiñeiro débense seguir os seguintes métodos: 

  • Eliminación de árbores infectadas gravemente. 
  • Eliminar ramas afectadas e sanear feridas en árbores maduras. 
  • Queima de tódolos restos afectados por cancro do castiñeiro. 
  • Desinfección de ferramentas utilizadas para podar os castiñeiros, infectados ou non infectados (lixivia ao 10-20%). 
  • Utilizar masilla especial para selar as feridas nos castiñeiros.

martes, 10 de marzo de 2015

Patrimonio cultural dos montes de Darbo

Monte Castelo, onde se atopa o castro dos séculos IX-VIII a de C.
Introdución

Grazas á labor de investigación desenvolvida por diferentes persoas e colectivos do Morrazo, temos constancia da existencia de varios xacementos arqueolóxicos que delatan a presenza de diversas culturas na zona. Neste senso, os montes do Castelo, a Madalena e o Liboreiro, constitúen un punto de referencia por ter sido o asentamento escollido (grazas á súa estratéxica localización dentro do contexto da península do Morrazo) por diferentes civilizacións para a instalación das súas construcións. 

Xustificación 

A importancia que ao longo da historia tiveron os montes do Castelo, a Madalena e o Liboreiro ponse de manifesto na presenza de numerosos restos e xacementos que citaremos a continuación.

Localización do monte Castelo
Monte Castelo: Ao redor dos séculos IX-VIII a de C., iníciase unha paulatina sedentarización que dá orixe aos poboados estables nos outeiros de certos montes que terán recintos defensivos. No interior destes recintos poñerán as súas cabanas, feitas con elementos vexetais e barro que logo irán substituíndo por muros de manpostería. É a denominada Cultura Castrexa. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.044 
  • Tipo de restos: Castro e cerámica galaico romana. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 516.720 Y = 4.680.110 

Localízase enriba de Cimadevila, nunha cota de 244 m., na ladeira norte do Pico Castelo. A zona habitable atópase entre dous outeiros cun desenvolvemento de terrazas en tres niveis, presentando no seu lado norte dúas construcións defensivas. Documéntanse desde hai tempo achádegos de cerámicas castrexas e algúns muros foron postos ao descuberto por unha pista que atravesa a terraza inferior. Esta pista ademais cortou unha das construcións defensivas, que ten unhas dimensións de 4 m de ancho por 3 m de alto, e está formada por dous muros de manpostería separados por unha zona rechea de terra. Na zona máis elevada do monte, construíuse na Idade Media unha torre ou castelo que foi derruído con posterioridade nas guerras irmandiñas.

Mesa de Montes, Madalena. Ano 2014.
Madalena: A mediados do 3.000 a de C., e coincidindo coa fase final do Megalitismo, comeza a desenvolverse a primeira metalurxia, mediante o aproveitamento do cobre. Esta etapa é denominada Calcolítico. O desenvolvemento desta nova metalurxia supón que se vaian substituíndo os útiles líticos por unha nova utillaxe metálica. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.045 (Mesa de Montes).
  • Tipo de restos: Restos cerámicos. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 517.360 Y = 4.681.640 
Atopáronse fragmentos cerámicos do tipo Penha (tipo de cerámica marcadamente decorada a base de liñas que conforman motivos xeométricos).

Localización de Mesa de Montes e Liboreiro.
Liboreiro: A poboación indíxena continúa a habitar os seus castros, amosando algúns deles un grande apoxeo, levando a mesturar o seu xeito de vida cos rasgos culturais romanos, e dando lugar o nacemento da Cultura Galaico-romana. 
  • Número de catalogación: GA – 36.008.040 (Castro do Liboreiro).
  • Tipo de restos: Castro e restos cerámicos de orixe medieval. 
  • Coordenadas U.T.M. Internacional / Huso 29: X = 517.540 Y = 4.683.150 
Restos do castro de Liboreiro. Ano 2014.
Ademais de atoparse cerámicas comúns romanas, sigillatas e outros obxectos da cultura romana como moedas, e fíbulas, apareceron na escavación de 1.928 tres aras: unha sen epígrafe, outra ilexible (polo seu estado de conservación) e unha terceira adicada ao deus Verore ou Aerno (segundo os autores que se consulte). 


Redactado en Darbo. Novembro de 2007.
Equipo redactor: Alba Dasairas Bouzada, Alberto Pastoriza Barreiro, David Álvarez Graña e Simón Rial Pousa.

martes, 24 de febrero de 2015

Patrimonio Natural dos montes de Darbo II

Paporrubio (Erithacus rubecula).
Vertebrados

Anfibios e réptiles 

Tódolos herpetos que viven nos montes de Darbo están protexidos pola lexislación estatal e polos convenios internacionais. Na zona atopamos herpetos típicos do bosque caducifolio galego, son especies boreais e endémicas, como a píntega (Salamandra salamandra), a saramaganta (Chioglossa lusitanica) endemismo noroccidental ibérico, e a ra patilonga (Rana iberica) endemismo ibérico, estes dous últimos taxons catalogados como vulnerables no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (C.G.E.A.). Estas especies son características dos medios umbríos co solo cuberto de follasca. 

Exemplar de ra patilonga (Rana iberica) no rego Pontillón, Pedra Cabalgada.
Nas formacións de matogueiras, que proveñen da destrución das carballeiras, ou de forma natural onde non foi posible o desenrolo do bosque, viven herpetos de orixe boreal e endémicos como o escáncer (Anguis fragilis), o sapo (Bufo bufo) e o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). Nos rochedos e pedregais atopamos réptiles termófilos, o lagarto arnal (Lacerta lepida), a lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica) e a cobra lagarteira meridional (Coronella girondica). En relación a singularidade e rareza, indicar a presenza dun endemismo noroccidental ibérico, case que exclusivo o territorio galego, a lagartixa galega (Podarcis bocagei) e tres endemismos ibéricos, o pintafontes común (Triturus boscai), o sapiño pintoxo (Discoglossus galganoi) e o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). As especies de herpetos contabilizados nos montes de Darbo, ascenden a 6 anfibios e 11 réptiles. 

Aves 

En primeiro lugar, lembrar que tódalas especies de aves que viven no noso Monte están protexidas pola lexislación. Por suposto non imos enumerar a totalidade e variedade de aves pero si indicaremos as especies máis características que temos o privilexio de acubillar nos terreos en Común. Exemplos coma a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus), a lavandeira real (Motacilla cinerea), a azulenta común (Prunella modularis), o paporrubio (Erithacus rubecula), o tordo común (Turdus philomelos), o picafollas común (Phylloscopus collybita), o picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus) endemismo da península Ibérica, SO de Francia e NO de África, a estreliña riscada (Regulus ignicapilla), o ferreiriño negro (Parus ater) e o cardeal (Pyrrhula pyrrhula). Dúas especies características das masas forestais, atópanse extintas destes montes, o miñato abelleiro (Pernis apivorus) e o gabeador azul (Sitta europaea) especies que necesitan bosques caducifolios, preferentemente de carballos. Debemos salientar que están citadas aproximadamente 150 especies na parroquia de Darbo, incluindo especies de observación excepcional. O máis axeitado é falar da riqueza específica nos montes de Darbo, que  ascende a 70 especies de aves, das cales 25 observáronse algunha vez aniñando.

Macho de lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi).

Mamíferos 

No tocante os mamíferos destacar a singularidade de tres especies de alto valor como o furaño (Sorex granarius) e a toupeira (Talpa occidentalis) endemismos ibéricos, e a trilladeira (Microtus lusitanicus) endemismo do cuadrante noroccidental ibérico e extremo suroccidental de Francia. A riqueza específica nos montes de Darbo ascende a 26 especies de mamíferos. Mención especial precisan os morcegos presentes no noso Monte, podemos atopar até dez das catorce especies nomeadas polo de agora na península do Morrazo, estes son: morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), morcego mediterráneo de ferradura (Rhinolophus euryale), morcego de Natterer (Myotis nattereri), morcego orelludo dourado (Plecotus auritus), morcego orelludo cincento (Plecotus austriacus), morcego da fraga (Barbastella barbastellus), morcego común (Pipistrellus sp.), morcego de horta (Eptesicus serotinus) e por último o nóctulo menor (Nyctalus leisleri). 

Furaño (Sorex granarius).
Dentro dá orde dos morcegos, son os morcegos de ferradura os que maior retroceso están a sufrir a nivel europeo, debido a súa vulnerabilidade. É por iso que é moi importante a protección das áreas de alimentación é refuxio alí onde aínda se conservan poboacións, como é o caso da zona que tratamos. Esta regresión está a acontecer na maior parte dos morcegos, por iso, están estritamente protexidos na lexislación. 

No espazo dos montes de Darbo atopamos especies que contan con moi poucas localidades a nivel galego, este é o caso do morcego da fraga, o nóctulo pequeno e o morcego de ferradura mediterráneo. Ó seren especies de hábitos nocturnos precisan de refuxios onde pasar a meirande parte do día sen ser molestados e onde protexerse das condicións meteorolóxicas adversas dependendo da existencia de buratos nas árbores, casas abandonadas, minas de auga e covas artificiais. Os morcegos son animais que están a sufrir unha perda importantísima de espazo vital. A maior ameaza e o descoñecemento da súa bioloxía, o que fai que aínda os miremos con desconfianza, sendo o progreso e a industrialización os seus principais inimigos. No Morrazo están pasando por un duro momento no que a desaparición dos bosques autóctonos e o urbanismo incontrolado provoca a perda de hábitats e refuxios naturais, as novas construcións son totalmente herméticas sendo o urbanismo unha forte perda de refuxios.


Redactado en Darbo. Novembro de 2007.
Equipo redactor: David Álvarez Graña, Simón Rial Pousa, Alba Dasairas Bouzada e Alberto Pastoriza Barreiro.
Fotografías: Alberto Pastoriza Barreiro.