jueves, 13 de junio de 2019

Lume no Outeiro de Balea e actividade de limpeza por parte da Xunta Reitora


Volvemos ser vítimas doutro lume na zona de Outeiro de Balea (Darbo, Cangas), zona con recurrentes episodios de lumes provocados pola man do home. A zona estaba dominada por toxeiras, formacións vexetais de importancia capital. En contra do que se pensa debido á súa omnipresencia no noso país e sobre todo nas áreas costeiras, estas formacións son moi escasas e restrinxidas a nivel europeo. De feito, están protexidas na Directiva 92/43/CEE da Unión Europea figurando como “hábitats de interese comunitario”. Isto quere dicir que a administración europea considéraos, despois de valorar todos os hábitats presentes no territorio comunitario, como un hábitat ameazado e que debe estar protexido mediante a creación de espazos naturais que conteñan estas comunidades. Un bo exemplo, que motivou a declaración da “Costa da Vela” como integrante da Rede Natura 2000 foron as súas toxeiras-uceiras e non a súa espectacular paisaxe (como adoita pensarse). Ó seu importantísimo valor biolóxico e como patrimonio natural engádeselle a función ecolóxica, xa que estas matogueiras son as responsables de substituir o bosque natural cando este é degradado, e de facilitar a súa recuperación enriquecendo o chan, creando solo e substrato e favorecendo paseniñamente a colonización do bosque. A recurrencia dos lumes provoca o empobrecemento do chan ou a súa total perda, co lume tamén perdemos a nosa paixase, o noso patrimonio natural.

Por favor, neste verán se observades lume, chamar aos teléfonos de emerxencia seguintes:
  • Axencia Galega de Emerxencias. Teléfono: 112
  • Incendios forestais. Teléfono: 085
Costa de Balea dende punta Corveiro. Ano 2015.

Os membros da Xunta Reitora visitaremos a zona queimada o próximo sábado 15 de xuño, pola mañá sobre as 11.30 horas para proceder á limpeza dos refugallos que o lume deixou á vista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario