Rematou o verán e unha nova estación comeza, o outono ven cargado de transformacións nos bosques de Darbo, as cores verdes deixan paso a cores ocres, castañas e laranxas. Tamén no monte aparecen os froitos de castiñeiros e fungos que atraen tódolos anos a centos de persoas para recoller estes manxares da natureza.
Para un aproveitamento racional destes recursos, gratuitos e de libre recolllida para os veciños de Darbo, é importante seguir as seguintes indicacións:
Souto de A Pedra Cabalgada. Setembro 2019. |
Para a recollida de castañas:
1) Só recoller as castañas que están no chan.
2) NUNCA varear as ramas dos castiñeiros. O monte de Darbo está afectado polo fungo que produce o Chancro (ver enlace), unha enfermidade grave que penetra polas feridas producidas na cortiza do castiñeiro.
3) NON ACAPARAR, recolle e leva só a cantidade xusta para satisfacer as túas necesidades. Moitas persoas virán o souto tras a túa visita e gustarán de atopar castañas para degustar.
4) Lembra deixar castañas para os animais do bosque. Eles tamén teñen que comer e o inverno é unha época de escaseza.
Gymnopilus spectabilis na Pedra Cabalgada. Novembro 2008. |
Para a recollida de cogomelos:
1) Non tódolos cogomelos son comestibles. Observa, fotografía, utiliza guías de identificación, ante calquer dúbida, non recolectes e así evitarás a tentación de consumilas.
2) Tanto na fase de localización como na de recolla de cogomelos non se empregarán máis instrumentos para a extracción que un coitelo ou navalla. Os cogomelos extraeranse coidadosamente coa punta da navalla ou coitelo desde a base do pé, de xeito que queden enteiros, e tendo perfectamente visibles todos os caracteres que permitan a súa correcta identificación sen danar o micelio. Unha vez extraídos reporase a terra ou a folla de xeito que o terreo quede nas condicións orixinais (DECRETO 50/2014, do 10 de abril)
3) Deixaranse intactos os exemplares que non se vaian recoller (non arrancar, nin pisar).
4) Os recipientes utilizados para o traslado e almacenaxe dos cogomelos terán que ser cestos ou recipientes de material permeable de semellante natureza, abertos pola súa cara superior, que permitan a súa aireación e a caída ao exterior das esporas. (DECRETO 50/2014, do 10 de abril)
5) NON ACAPARAR. A normativa galega establece un máximo de 2 quilogramos de cogomelos por persoa e día. E só para consumo propio, NUNCA para a venda a terceiros.
6) Quedan prohibidas segundo a normativa (polo que poden ser denunciables), as seguintes actuacións:
- Remexer o chan, tanto na fase de localización como na de recolla, de xeito que se altere ou prexudique a cobertoira vexetal superficial.
- Usar anciños, angazos, aixadas ou calquera outra ferramenta que altere o cogomelo.
- Recoller cogomelos e fungos pola noite.
- Romper ou deteriorar calquera exemplar que non sexa obxecto de recolección.
- Recoller cogomelos “novos” ou demasido “vellos”.
- Recoller, alterar ou estragar exemplares de especies protexidas.
- Trasladar e almacenar os cogomelos en bolsas de plástico ou similares.
A Xunta Reitora.
No hay comentarios:
Publicar un comentario